O CD Biosbardo arrinca a tempada con podios e vitorias en Rois e Salceda de Caselas

Unha representación do CD Biosbardo desprazouse ata a localidade de Rois para participar na primeira proba oficial da tempada, unha cita que deixou excelentes resultados para o club e confirmou o bo inicio de curso dos seus deportistas.
Na distancia curta, cun percorrido de 13 quilómetros e arredor de 600 metros de desnivel positivo, Alba Rey asinou unha actuación destacada que lle permitiu proclamarse campioa absoluta. A proba comezou cun ritmo moi elevado, o que obrigou á atleta biosbarda a reaccionar con rapidez para contactar co grupo de cabeza. Xa avanzada a carreira, preto da metade do trazado, Rey impuxo o seu propio ritmo con autoridade, abrindo unha diferenza progresiva sobre as súas perseguidoras ata cruzar a meta en primeira posición.
Na distancia longa, Sergio García logrou o subcampionato absoluto tras unha chegada moi axustada, decidida practicamente ao sprint. O corredor coruñés, que debutaba coa camisola do CD Biosbardo, estreouse en competición oficial cun resultado de máximo nivel. A carreira mantivo unha dinámica moi rápida desde a saída e foi nos últimos 5 quilómetros cando García conseguiu incorporarse ao grupo dianteiro, loitando pola vitoria ata os metros finais.
Ademais, durante a mesma fin de semana, varios deportistas do club participaron no Trail dos Penedos, celebrado en Salceda de Caselas, a proba máis meridional do calendario destes días. Alí, Kenia Estrada converteuse na gran protagonista ao proclamarse campioa absoluta na distancia principal do evento.
Estrada asinou unha actuación moi sólida, superando con claridade a Loreto Rodríguez, unha das grandes favoritas á vitoria, e impoñéndose con autoridade nunha carreira que confirmou o seu excelente estado de forma e pechou unha fin de semana de éxitos para o CD Biosbardo.