O CD Biosbardo destaca en Ourense e Muras cunha fin de semana chea de éxitos deportivos

O Club Deportivo Biosbardo viviu unha fin de semana de éxitos en dúas citas deportivas de referencia. Un numeroso grupo de atletas do club desprazouse ata a capital ourensá para participar na SAN MARTIÑO 10K, que nesta edición contou cun percorrido renovado e homologado pola Real Federación Española de Atletismo (RFEA).
O protagonista destacado foi Federico Losada, que se fixo coa vitoria na súa categoría M50 cun espectacular tempo de 33 minutos e 56 segundos, consolidando o seu excelente estado de forma. Especialista en probas de trail, Losada fixo un paréntese na súa tempada para competir en ruta durante a campaña de outono-inverno, demostrando unha vez máis a súa gran capacidade atlética.
Tamén brillou Tamara García, que logrou un meritorio décimo posto na clasificación absoluta, asinando un dos mellores resultados do seu palmarés persoal. Cun tempo de 38 minutos e 19 segundos, a atleta amosou o seu enorme potencial e confirmou a súa progresión nunha tempada especialmente brillante.
Mentres tanto, outro grupo de deportistas do club competiu no Trail das Bestas, disputado na localidade lucense de Muras, unha proba oficial puntuable para o Ranking G3 da Federación Galega de Atletismo, con tres distancias: maratón, clásica de 27 quilómetros e curta de 12.
Na modalidade de 27 quilómetros destacou José Voces, que se proclamou campión da categoría Máster 2, sumando puntos decisivos na súa loita pola clasificación xeral do ranking galego. Na mesma distancia, Kenia Estrada e Tere Dieste mantiveron un intenso duelo polo podio, compartindo gran parte do percorrido e cruzando a meta en cuarta e quinta posición absoluta, respectivamente.
O club destacou que ter máis de vinte atletas competindo en probas oficiais de xeito simultáneo durante a mesma fin de semana, precisamente ás portas do décimo aniversario do CD Biosbardo, é un reflexo da evolución deportiva e social que está a vivir a entidade.