O CD Biosbardo logra un dobre título histórico no Campionato Galego de Trail por clubs

O 25 de maio o CD Biosbardo asinou unha das xestas máis importantes da súa traxectoria deportiva ao proclamarse campión galego absoluto de trail por clubs tanto en categoría masculina como feminina.
A proba, que tivo lugar en Barbadás no marco do X Campionato Galego de Trail por clubs, disputouse nun esixente percorrido de case 28 quilómetros con máis de 1.600 metros de desnivel positivo e negativo, e reuniu aos mellores especialistas da disciplina baixo o paraugas da Federación Galega de Atletismo.
A formación masculina revalidou o título acadado en 2024, mentres que o equipo feminino conseguiu escalar dous postos respecto da edición anterior para coroarse tamén como campioas absolutas. Un dobrete histórico que culmina un dos principais obxectivos da tempada e que pon de manifesto o traballo colectivo e a determinación dun club que xa se sitúa como un referente no trail galego.
Na carreira masculina, Federico Losada foi o gran dominador da xornada, proclamándose campión absoluto cun tempo impresionante de 2 horas e 36 minutos. Acompañárono no grupo de cabeza Marcos Pascual (4º), Emilio Montilla (7º) e Iván Sangiao (9º), colocando así a catro corredores do club entre os dez primeiros da clasificación xeral. O equipo completouse coas sólidas actuacións de Fran Pascual, Jacobo Rodríguez, Diego Indalecio Fernández e José Voces.
Na categoría feminina, Fanny Abelenda foi a gran revelación ao acadar o subcampionato absoluto tras unha carreira na que foi gañando posicións ata afianzarse na segunda praza. Tamara García completou o podio coa terceira posición, mentres que Vanessa Álvarez e Enara Fernández cruzaron a meta conxuntamente nos postos 11 e 12, pechando un equipo feminino compacto e decidido.
Ademais dos títulos absolutos, os atletas do CD Biosbardo lograron diversos podios por categorías no Castro Trail, o que reafirma ao club como unha das grandes potencias do trail running en Galicia. As próximas citas clave serán os Campionatos de España de Carreiras Verticais e de Montaña, que se celebrarán os días 7 e 8 de xuño en Canfranc, nos Pirineos.