O CD Biosbardo proclámase campión absoluto no Trail Cova da Bruxa de Muros

LugoXa
O club destaca na primeira cita da Serie Ouro da FGA con triunfos individuais e liderado no ranking galego feminino
Trail-Cova-da-Bruxa-CD-Biosbardo
1 Apr 2026

O CD Biosbardo asinou unha destacada actuación no Trail Cova da Bruxa, celebrado esta fin de semana en Muros, converténdose en campión absoluto por equipos nunha das citas máis relevantes do calendario galego ao tratarse da primeira proba da Serie Ouro da Federación Galega de Atletismo, que multiplica por cinco a puntuación e tamén conta para o ranking de clubs.

A competición comezou o sábado coa modalidade vertical, o Serres Uphill, un percorrido esixente de 3,1 quilómetros con 450 metros de ascenso continuo. Nesta proba, Alba Rey proclamouse campioa absoluta cunha actuación dominante de principio a fin, mentres que Tamara García logrou o subcampionato tras un final de carreira moi forte no último tramo.

Xa na xornada do domingo, Alba Rey completou un fin de semana perfecto ao conseguir o dobrete coa vitoria absoluta na proba de 15 quilómetros, na que soubo xestionar o esforzo para lanzar un ataque decisivo nos últimos seis quilómetros e distanciarse das súas rivais.

Na distancia longa de 26 quilómetros, puntuable para o ranking da FGA, María Frey sumou a súa terceira vitoria absoluta consecutiva tras dominar a carreira desde o inicio e ampliar progresivamente a vantaxe sobre as perseguidoras, completando o percorrido en menos de tres horas e cunha diferenza de case dez minutos sobre a segunda clasificada.

A nivel individual tamén destacou Carla Trillo, cuarta na xeral e campioa na categoría Máster, mentres que Charo Figueroa acadou a segunda posición na súa categoría e Teresa Dieste logrou o bronce Máster 2. Na categoría masculina, Emilio Montilla fíxose coa prata Máster.

Coa suma dos mellores tempos de Sergio García, Emilio Montilla, Jonathan Pérez e María Frey, o CD Biosbardo logrou o título por equipos. Ademais, no ranking galego de clubs, o conxunto feminino sitúase como líder destacado, mentres que o equipo masculino ocupa a cuarta posición, a poucos puntos do podio.

Esta proba tamén foi decisiva para a configuración da Selección Galega, e o responsable técnico da FGA, Iván Sangiao, anunciou en Muros as persoas seleccionadas para o Campionato de España por seleccións, que se celebrará en Oviedo os días 11 e 12 de abril. Entre elas figuran as atletas do CD Biosbardo Tamara García e Carla Trillo, que volverán representar a Galicia na cita estatal.

0.12088298797607