O CD Dez Portas logra varios ascensos tras unha tempada brillante

O Club Deportivo de Tenis de Mesa Dez Portas celebrou grandes éxitos nas últimas xornadas de competición. O CD Dez Portas Galiciadigital proclamouse matematicamente campión da Primeira División Galega de Tenis de Mesa tras impoñerse cun contundente 5-0 á SD Hípica da Coruña. Este resultado, acadado a falta dunha xornada para o final da liga, certificou o ascenso do equipo á Terceira División Nacional. O equipo, capitaneado por Álvaro, Samuel e José Luis, pechou unha tempada practicamente inmaculada, con só unha derrota nas 15 xornadas disputadas ata a data, o que lle permitiu conseguir o ascenso de maneira holgada.
Pola súa banda, o CD Dez Portas Contafis Todoxestión tamén se proclamou campión da Terceira División Nacional de Tenis de Mesa, tras impoñerse na última xornada ao Club do Mar de San Amaro, o seu máis inmediato perseguidor, por un axustado 3-2. Despois do ascenso conseguido a semana anterior polos seus compañeiros de Primeira Galega, o equipo de Terceira, integrado por Morufo Ahmed, Adrián Expósito, Manuel Penalonga e Xabier Carricoba, logrou tamén subir de categoría e competirá a próxima tempada en Segunda División Nacional. O ascenso confirmouse tras unha campaña case perfecta, na que o equipo sumou 17 vitorias nas 18 xornadas de liga, cedendo unicamente na xornada 11 fronte a Narón.
Con estes resultados, o CD Dez Portas reafirmou o seu excelente nivel e consolidou o seu crecemento no tenis de mesa nacional.