O CD Dez Portas Lugo TM destacou no Xogade 2025 de Tenis de Mesa

O CD Dez Portas Lugo TM destacou no Xogade 2025 de Tenis de Mesa, participando cun total de catro equipos e 12 mozos e mozas en idade escolar.
A representación dividiuse entre dous equipos na categoría Alevín e dous na categoría Cadete, demostrando o crecemento e o talento dos seus deportistas máis novos.
Logo dunha excelente actuación na fase Zonal, onde todos os equipos do club lograron a clasificación para a fase Provincial, a competición culminou o pasado 5 de abril de 2025 en Ribadeo, onde se disputaron os momentos máis decisivos.
Na categoría Cadete, ambos os equipos do CD Dez Portas fixeron un percorrido impecable, alcanzando a final, que foi completamente "da casa", cun 100% de representación do club. Este logro supón un fito histórico que resalta non só o talento da mocidade, senón tamén o excelente traballo desenvolvido polo club.
Na categoría Alevín, o equipo conseguiu chegar á final tras disputados e intensos encontros, rematando cun honroso 2º posto nunha final extremadamente igualada. O outro equipo Alevín logrou un meritorio 5º posto, destacando o esforzo e a dedicación de todos os seus membros.
Esta xornada deportiva reflicte o crecemento continuo do CD Dez Portas Lugo TM e a súa firme aposta pola formación e o desenvolvemento da mocidade.