O CD Lugo achega o primeiro equipo ao CEIP Menéndez Pelayo a través do programa Lugo na Escola

Os xogadores do primeiro equipo do CD Lugo Nico Reniero e José Amo visitaron o CEIP Menéndez Pelayo, dando continuidade ao programa CD Lugo na Escola, unha iniciativa impulsada polo club en colaboración coa Deputación de Lugo co obxectivo de estreitar lazos coa comunidade educativa da cidade.
Durante a súa estancia no centro, os dous futbolistas albivermellos mantiveron encontros próximos con distintos grupos de alumnos e alumnas, cos que compartiron charlas, vivencias persoais e momentos de intercambio nun ambiente próximo e participativo. A xornada tamén deixou espazo para o deporte, xa que non faltou o fútbol nin a oportunidade de gozar coa rapazada da paixón común polo balón.
Ao longo da visita, Reniero e Amo dedicaron tempo a asinar autógrafos e atender a todos os nenos e nenas que quixeron achegarse, pechando así unha mañá especialmente ilusionante para o alumnado do centro educativo.
Como parte esencial deste programa, os xogadores aproveitaron a ocasión para convidar a todo o colexio a asistir ao encontro deste fin de semana fronte a Unionistas CF, que se disputará o domingo ás 16:00 horas, destacando a importancia do apoio desde a bancada para manter a boa dinámica do equipo e seguir sumando resultados positivos.
Desde o CD Lugo quixeron agradecer ao CEIP Menéndez Pelayo a excelente acollida e a disposición mostrada durante toda a visita, subliñando a importancia deste tipo de iniciativas para reforzar a conexión do club coa cidade.