O CD Lugo cesa a Pedro Munitis como adestrador nunha xeira de despidos na base

LugoXa
O CD Lugo volverá cambiar de adestrador durante a pausa de Nadal.
17 Dec 2023

O CD Lugo volverá cambiar de adestrador durante a pausa de Nadal. O club fixo un comunicado de madrugada no que fixo público o cese do adestrador Pedro Munitis no último partido do ano, no que perdeu pola mínima fóra de casa ante o Cornellà.

Este resultado non compraceu ao club malia a boa xeira das últimas semanas, na que o Lugo logrou tocar os postos de play off de ascenso situado na sétima praza da competición e clasificarse para a Copa do Rei.

O duelo deste sábado foi o único que perdeu o Lugo fóra de casa no que vai a tempada, na que sumou 7 vitorias, 5 empates e 5 derrotas.

"Desde esta institución quere agradecerse, tanto a el, como ao seu corpo técnico, o seu arduo traballo e profesionalidade demostrada durante o tempo no que pertenceron á disciplina do club, e deséxanselles os maiores éxitos persoais e profesionais no futuro", explica o club no comunicado.

OUTROS CESES

O cese de Munitis non é o único que se produce este mes no club, xa que é unha medida coa que xa fixo cambios no resto de equipos de alta competición. Así, o filial tamén cambiou de adestrador de súpeto. Roberto Fernández, que chegou este curso á dirección, foi substituído por Roberto Trashorras, que era o ano pasado o encargado do banco. A razón deste cambio foron tamén os malos resultados, xa que o filial está en postos de descenso da Terceira Federación con só 3 vitorias en 13 partidos.

Pero na base tamén se produciron despedimentos nesta tempada polos malos resultados. Así, no xuvenil B, Kike Avarellos foi substituído por Fran Fernández, que dirixía ao cadete de División de Honra. O Lugo B está en Liga Nacional Xuvenil tamén en zona vermella.

O lugar de Fran Fernández no cadete ocúpao David Fernández, que antes era o segundo adestrador deste equipo. Malia o cambio, a situación non mellora para o conxunto, que logrou algún punto máis pero segue na zona perigosa.

Así mesmo, os resultados lastran ao equipo de División de Honra Infantil. O seu adestrador desde o inicio, Aarón Sánchez, tamén foi cesado e substituído por Jonatan Iglesias, outro dos adestradores da base do club. Este é o que peor resultados ten, xa que só logrou dúas vitorias nos 13 partidos disputados.

0.15109300613403