O CD Lugo consolida o seu proxecto deportivo
Lugo é, historicamente, unha cidade moi vinculada ao deporte que conta con equipos nas mellores liga é en fútbol o CD Lugo leva once anos consolidando una praza na 2º División de fútbol.
Un pouco de historia
O CD Lugo nace nos anos 50 tras un cambio de nome do CD Polvorín que estaba a competir na Terceira división e que na tempada 52/53 alcanzaría unha sétima praza. Na seguinte tempada o equipo lucense debutou co novo nome o domingo 13 de setembro de 1953 e tras un bo comezo consegue acadar un quinto posto ao final do campionato.
Na tempada 60/61 foi a primeira vez que o equipo lucense consegue, cun segundo posto, a clasificación para loitar polo ascenso pero o Cartagena eliminou as ilusións de subir. Na seguinte tempada o Lugo conseguiría por primeira vez tamnén un título, quedando primeiros na competición de Terceira División pero sen completar o ascenso. Tras dezanove anos en Terceira División a tempada 71/72 supón a fin dunha etapa e o descenso a Preferente do equipo lucense.
Só unha tempada foi necesaria para que o Lugo saíra da categoría Preferente, cun primeiro posto e proclamándose campión de liga con 13 puntos de diferenza sobre o segundo clasificado, para lograr o ascenso directo na volta á Terceira División. Foi no 1986 cando o Lugo se proclama campión da Terceira División por terceira vez na súa historia e consigue o ascenso á Segunda División B ante o Atlético Baleares, e no ano 1992 logra un histórico ascenso á Segunda División que durou unha tempada. O CD Lugo volve á Segunda división no 2011, vinte anos despois do primeiro ascenso, con Quique Setién no banco dos albivermellos.
O CD Lugo leva once tempadas competindo en Segunda División e busca seguir consolidando ese proxecto unha tempada máis con Hernán Pérez como adestrador. No que vai de tempada o equipo lucense xa leva disputados sete partidos nos que completou dúas vitorias, dous empates e tres derrotas que o levan ao posto 16 da clasificación.
O proxecto do Club Deportivo Lugo vai moito máis alá do primeiro equipo que compite en liga profesional e conta con numerosos proxectos que fan deste club o máis forte da provincia. O lucense ten cun equipo filial que esta última tempada conseguiu un ascenso importante que lle deu a posibilidade de competir este ano en Segunda RFEF.
O ascenso durante a pasada tempada confirma a gran evolución deste equipo que afronta este novo ano estreando competición con Álex Ortiz como adestrador. Como novidade a próxima tempada o CD Lugo B disputará os seus partidos como local no Anxo Carro para afrontar no mellor ambiente esta primeira etapa en Segunda División RFEF.
O Club Deportivo Lugo sumou tamén cunha sección feminina entre os seus equipos que o ano pasado proclamouse campioa da Copa Deputación e acadou un segundo posto en competición oficial, tanto na primeira fase como na fase de ascenso posterior. O equipo, que compite na Primeira División galega, está dirixido por Joaquín Blanco e comeza esta tempada á fronte da clasificación. Cun total de seis puntos, as albivermellas levan dúas vitorias en dous encontros.
Dentro do proxecto do CD Lugo o fútbol base ten un papel moi importante e o equipo lucense conta con dous equipos en cada categoría dende xuvenís ata prebenxamíns. Nas categorías de infantil, cadete e xuvenil ten equipos competindo en División de Honra que xa deron comezo a cadansúa tempada.
O xuvenil ten como adestrador a Dani Galán e leva tres partidos disputados con dúas vitorias e actualmente está quinto na competición. A tempada pasada realizaron unha excelente participación acadando o cuarto posto na clasificación. O mesmo que acadou o equipo Xuvenil que disputa a Liga Nacional e que con catro xornadas disputadas está tamén no quinto posto da táboa. Ambos equipos buscan realizar unha boa actuación e continuar demostrando o bo momento da canteira do club lucense.
Os cadetes de División de Honra e de Liga Galega tamén deron comezo as súas competicións. Con Andrés Arias e David Fernández como técnicos, respectivamente, que buscan continuar acadando os bos resultados de tempadas pasadas. Igual que os infantís, que tamén compiten en División de Honra e tamén en ligas provinciais. Os máis pequenos do conxunto lucense comezarán a competición a mediados do mes de outubro coa ilusión dunha nova tempada que comeza.
Actualmente o Club Deportivo Lugo conta tamén cun equipo de fútbol sala que compite na Segunda División B con Daniel Díaz como adestrador. O equipo de fútbol sala vén de gañar os dous partidos disputados conseguindo o primeiro posto da clasificación nestes inicios de tempada.
Unido a todos os equipos oficiais de competición o Club Deportivo Lugo conta con dous proxectos de carácter social. O primeiro, un equipo que compite na liga Genuine, unha iniciativa integradora que consiste na creación dunha liga formada por equipos do colectivo DI e que deu os seus primeiros pasos na tempada 2017/2018. O equipo lucense que participa nesta competición é de carácter mixto e está dirixido por José Seoane sendo un proxecto moi importante para a entidade.
O CD Lugo posúe tamén Lugo 13, que ten a súa ubicación en Medellín, na Comuna 13, onde o club lucense estableceu un plan de formación que xa permitiu a chegada de catro xogadores procedentes dalí. O CD Lugo 13 conta nesta localidade con varios equipos de diferentes idades para conseguir que os nenos e nenas desta comuna podan desfrutar do fútbol.