O CD Lugo inicia a tempada con varias incorporacións ao equipo
Despois de catro partidos nesta tempada, o CD Lugo continúa sen conseguir a primeira vitoria a pesar de que as sensacións son boas, as fichaxes responden e o xogo do equipo convence. Desta maneira, leva tres empates e unha derrota nun inicio de tempada no que se sumaron poucos puntos pero que, sen embargo, se sacan aspectos positivos.
Se ben é certo que esta liga é complexa a causa da escasa diferenza de puntos que adoita existir entre os equipos, o CD Lugo precisa comezar a sumar de tres en tres para conseguir distancia dos postos de descenso nos que se atopa actualmente.
Así mesmo, hai que lembrar que o equipo lucense incorporou ata o último día de mercado novas fichaxes que aínda se teñen que adaptar ao equipo para poder aportar o máximo posible e axudar ao equipo no que precise. A última incorporación foi o lateral Ricard Sánchez, cedido polo Granada CF. O xogador, a pesar da súa curta idade, conta cunha intensa preparación desenvolta entre FC Barcelona e Atlético de Madrid. Xunto a él, hai que mencionar tamén a recente incorporación do defensa central Álex Pérez.
Ademais, son varios os xogadores que se uniron este verán a entidade e que buscan sumar minutos e boas actuacións. Entre eles atópanse Mayoral, Alberto, Whalley, Cuéllar, Señé, Alende, Joselu, Christian Ramos e Ros que, xunto aos xogadores renovados, buscarán cumprir o obxectivo marcado para esta tempada 2021-2022.
Neste útlimo partido, o equipo lucense logrou un punto importante nun campo complicado que se suma aos xa conseguidos contra o Oviedo -no primeiro encontro de liga no que o equipo lucense empatou a dous- e contra a Real Sociedad B, no primeiro partido no Anxo Carro. Na vindeira xornada o CD Lugo enfrontarase na casa contra o Huesca, un equipo que descendeu o ano pasado de primeira división e que buscará de novo estar na loita para voltar a esa máxima categoría.
Dende o equipo lucense, pola súa parte, intentarán loitar e materializar as ocasións que tiveron en partidos anteriores para conseguir a primeira vitoria nesta tempada. Ademais, hai que ter en conta que o Anxo Carro volve contar con afección dende o primeiro partido desta tempada, algo que fará que o equipo sinta o apoio das gradas e o ambiente deportivo ao que estaba acostumado.