O CD Lugo ficha ao dianteiro Martín Ochoa
O CD Lugo presentou oficialmente ao seu novo xogador, Martín Ochoa. O novo dianteiro estivo acompañado por Roberto Sáez, que destacou o potencial goleador de Ochoa, un aspecto clave no fútbol moderno. "Martín é un xogador que ten ese gol que tanto se demanda e que é moi difícil de conseguir. Fíxemos esta aposta porque confiamos cega e plenamente nel". Durante a súa intervención, Martín Ochoa expresou o entusiasmo e a confianza que sente neste novo capítulo da súa carreira. “Cando Roberto me chamou, en dous días xa estaba en Lugo. Gustoume moito a idea que me transmitiu, así como o ambiente e o equipo. Tíveno claro desde o primeiro momento”.
O dianteiro, cunha ampla traxectoria a pesar da súa xuventude, describiu ao cadro de xogadores do CD Lugo como "un equipo novo, con fame, pero tamén con xogadores experimentados na categoría. Estou seguro de que iremos mellorando con cada partido". Respecto ao seu estado físico, Ochoa sinalou que a lesión que sufriu no pasado xa está superada, e agora o seu obxectivo é volver á súa mellor versión: "O club confiou en min. Agora quero devolver esa confianza co meu mellor fútbol".
En canto ao seu estilo de xogo, definiuse como un dianteiro "que vive do gol, do instinto" e que sempre busca axudar ao equipo en todos os aspectos. Ochoa insistiu en que o seu obxectivo é "divertirse no campo e achegar as súas mellores virtudes". O novo xogador albivermello mostrouse tamén ambicioso respecto ao futuro do equipo: "Somos un equipo moi novo, pero estou seguro de que imos ir de menos a máis conforme avancen os días".
Con esta fichaxe, o CD Lugo reforza o seu ataque cun xogador que promete goles e compromiso, nunha aposta da dirección deportiva que espera dar os seus froitos durante a tempada.