O CD Lugo impulsa a loita contra o acoso escolar cunha charla no Pazo de San Marcos

LugoXa
O encontro reuniu a xogadores e xogadoras da canteira do club albivermello, así como a representantes doutras entidades deportivas como o CV Emevé, a ACD Piringalla e Magic Dance
Charla-Diputacion-Club-Deportivo-Lugo
2 May 2025

O Club Deportivo Lugo, en colaboración coa Deputación de Lugo, organizou unha charla baixo o título 'No Lugo, ninguén queda fóra', unha iniciativa de sensibilización que busca concienciar á mocidade sobre o acoso escolar e a importancia da súa prevención.

A actividade celebrouse no Pazo de San Marcos e estivo conducida por Jessica Iglesias Valín, responsable educativa do CD Lugo, e Rubén Darío Veiga, delegado de Participación Cidadá da Policía Nacional. Ambos ofreceron aos asistentes ferramentas prácticas para identificar, comprender e actuar ante situacións de acoso, fomentando unha actitude empática, valente e responsable entre a xente nova.

O encontro reuniu a xogadores e xogadoras da canteira do club albivermello, así como a representantes doutras entidades deportivas da cidade como o CV Emevé, a ACD Piringalla e Magic Dance. Nun ambiente de confianza e diálogo aberto, os mozos e mozas participantes tiveron a oportunidade de compartir experiencias, resolver dúbidas e reflexionar sobre o seu papel na construción de contornos máis seguros e inclusivos.

Esta iniciativa enmárcase no compromiso conxunto do CD Lugo e da Deputación de Lugo por promover valores positivos a través do deporte e da educación, reforzando a súa colaboración estable en accións sociais que beneficien á comunidade.

⚙ Configurar cookies
0.17614507675171