O CD Lugo presenta a Raúl Hernández e Jon Ceberio
Quenda en sala de prensa para a presentación de Raúl Hernández e Jon Ceberio como novos xogadores albivermellos. Xunto a eles, comparecía Roberto Sáez na sala de prensa do estadio Anxo Carro.
O director deportivo albivermello presentaba así a Raúl: “É un xogador que está na súa madurez futbolística, e que acumula unha ampla experiencia en Primeira RFEF. A súa predisposición para vir foi absoluta e as conversacións foron moi curtas e fluídas”.
Pola súa banda, describía a Jon da seguinte forma: “A pesar terche 27 anos, conta cunha enorme experiencia na categoría. É un xogador con bo trato de balón e unha gran envergadura. Desde o primeiro momento a súa predisposición foi total e puidemos pechar a súa fichaxe rapidamente”.
Ademais, o CD Lugo anunciou a súa participación na Fase Autonómica de Cópaa Federación para esta tempada 2024-25. Participarán un total de 14 equipos galegos que militan en Primeira, Segunda e Terceira Federación. O campión da Fase Autonómica clasificarase para a Fase Nacional, que outorga catro prazas para a Copa do Rey (aos equipos que cheguen a semifinais).
O conxunto amurallado empezará o seu camiño en Cuartos de final, unha eliminatoria que se disputará entre os días 5 e 11 de agosto fronte ao gañador do enfrontamento entre o Viveiro CF e o RC Villalbés.
A intervención inicial de Sáez deu paso ás correspondentes preguntas aos protagonistas da xornada:
RAÚL HERNÁNDEZ
Raúl Hernández asegurou que “estou moi contento de estar aquí. Desde o primeiro momento pareceume moi atractivo o proxecto. Moi agradecido da oportunidade” e definiuse como “un xogador que ten boa capacidade asociativa, que me gusta ir desde a banda esquerda cara a dentro, pero tamén me gusta xogar detrás do dianteiro. Desenvólvome en toda a zona de ataque e vou tentar render aí onde me diga o míster”.
Na súa intervención destacou que:
- “Temos un grupo moi bo. Hai un grupo moi novo e con moita ambición. Desde o primeiro momento acolléronme moi ben, o que é moi importante porque esa boa relación logo trasládase ao terreo de xogo”
- “O CD Lugo é un gran club, un club con historia que estivo moitos anos no fútbol profesional. Cando me chamaron nin mo pensei, non só pola proxección que ten, senón tamén polas
instalacións, o trato dos xogadores e o corpo técnico. Estou encantado de estar aquí e creo que vai ser un gran ano” - “A idea do míster é meter intensidade, empezar a forxar a súa idea, a súa identidade dentro do campo, cada día implementando unha pincelada máis. Ir crecendo e mellorando de fronte ao comezo de liga, para estar o máis preparado posible para competir”
- “Estamos a nos adaptar todos moi ben, todos estamos moi contentos e felices de estar aquí. Cada día ven as ganas que poñemos en traballar e mellorar”
- “O que coñecía do club era moi atractivo. Cando vin aquí sorprendeume o estadio e a afección. Por iso cando me chegou a chamada do club non o dubidei”
- “Son un xogador que pode romper ao espazo, que ten bo xogo aéreo, que pode forcexar cos centrais e mesmo aparecer por dentro”
- “defínome como un xogador ao que lle gusta moito o un contra un, que ten bo caneo e boa capacidade de chegada”
JON CEBERIO
O xogador Jon Ceberio explicou que “levo recuperándome todo o verán da miña lesión para poder chegar o mellor posible. A volta co grupo está preto, o pé está a funcionar moi ben”.
Outras declaracións da xornada foron:
- “Vexo moita intensidade nos adestramentos, vexo a xente nova con moitas ganas e ambición. Está a sorprenderme moito o que vexo”
- “O CD Lugo é un club histórico. Todo o que se ve desde fóra atrae moito. É un club profesional en todos os sentidos”
- “Defínome como un xogador con bo manexo de balón. Gústame ser protagonista con balón e aí desenvólvome ben. Tamén me gusta facer moitos metros, tratar de chegar a área contraria”
- “Creo que me desenvolvo ben tanto de 6 como de 8, pero como digo, tentarei dar o mellor de min onde decida poñerme o míster”
- “Cando empezaron as negociacións estaba de vacacións cun ex xogador do CD Lugo, que é José Carlos, co que coincidín en San Fernando. Díxome que estivo moi contento en Lugo, tanto na cidade como as instalacións. Deume moi boas referencias, o que foi un plus para non pensarmo e vir aquí”
- "O meu obxectivo persoal para a tempada é seguir crecendo como futbolista e, sobre todo, axudar ao equipo para alcanzar os obxectivos”