O CD Lugo presentou a Guille Perero e Nathaniel Nicholas como novos xogadores
O CD Lugo fixo a primeira presentación do verán na sala de prensa do Anxo Carro, con Guille Perero e Nathaniel Nicholas como protagonistas. O director deportivo albivermello, Roberto Sáez, presentaba aos novos integrantes do primeiro equipo coas seguintes palabras: “Son dous xogadores que reflicten dunha forma moi fiel o que buscamos neste Club Deportivo de Lugo para esta tempada 24-25, que son dous xogadores cunha gran marxe de mellora de crecemento e cun gran talento por desenvolver. Creo que é algo no que o club vai crer moito esta tempada, que creza da man do club e que crezan eles como xogadores”.
Sáez aproveitaba o seu discurso inicial para definir da seguinte forma a Nathaniel: “Todos sabemos a súa historia persoal e futbolística, e creo que o reflicte ao 100% ese crecemento e esa fame por progresar como futbolista e como persoa dentro do Club Deportivo de Lugo. Fisicamente creo que ten unhas calidades que son superdotadas para o fútbol e que ten unha gran marxe de mellora. Vai achegar moitísimo, porque ademais é moi valente”.
Con respecto a Guille Perero, o director deportivo describíao da seguinte forma: “Ten un gran talento e un gran futuro de crecemento. Demostrouno nas súas últimas tempadas, nas que foi aumentando os seus números tanto en asistencias como en goles. Foi un dos xogadores máis destacados na VDE Sanse, un extremo clásico, de atacar moi ben os espazos, dun contra un, de moito traballo”.
GUILLE PERERO
“Levo moito tempo esperando e pelexando por unha oportunidade en Primeira RFEF. En canto saíu a opción do CD Lugo, non tiven nin que pensalo, por iso foi tan rápido todo”, dixo o futbolista na súa intervención, do que se destacaron as seguintes declaracións:
- “No campo tento transmitir o que son como persoa. Alegría adestrando, moito traballo, moita pelexa e tentar axudar ao equipo en todo tipo de situacións, tanto nos malos como nos bos momentos”.
- “En canto chegou a oferta non tiven que pensalo moito, porque ao final o CD Lugo é un club histórico. Non hai máis nada que ver todo o que temos. Isto é o que calquera xogador quere e isto non é dun nivel de Primeira RFEF, é dun nivel superior”.
- “Estou moi sorprendido porque era a primeira vez que chegaba a un club sen coñecer a ninguén e púidenme atopar xente moi amable, moi próxima, que me axudou moito”.
- “A idea do equipo creo que é divertida e valente. Gústame moito”.
- “Imos competir desde a primeira xornada, ser moi competitivos, que levemos sempre o coitelo entre os dentes”.
- “A min gústame estar no once, onde queira o míster e onde poida axudar ao equipo”.
- “Non tiven que pedir moitas referencias do club. Eu quería vir aquí e non me fixo falta nada máis”.
NATHANIEL NICHOLAS
“Para min é un gran salto e unha gran oportunidade poder defender este escudo”, alegou o novo xogador albivermello, que tamén engadiu:
- “Teño xente ao meu lado que quere axudarme para crecer neste gran club, só teño que demostrar que podo estar aquí”.
- “Teño que aproveitar e traballar duro para axudar ao equipo desde o once ou desde onde me toque”.
- “Creo que hai diferenza entre Primeira e Segunda RFEF. Aínda que Segunda é unha competición moi intensa, o nivel en Primeira RFEF é moi alto, con moitos xogadores que veñen de fútbol profesional”.
- “O nivel dos adestramentos é moi bo. Estamos a traballar duro cada día para ir mellorando. Imos seguir traballando xunto ao corpo técnico para dar o máximo”.
- “Agradezo a todos os que me axudaron no RC Villalbés e abrigo ao míster, que me deu unha oportunidade para competir e poder defender ese escudo”.