O CEI Nodus acolle mañá unha charla sobre Miliki

LugoXa
O CEI Nodus acollerá mañá mércores, 28 de setembro, a segunda das Charlas de Alto Impacto organizadas dentro do movemento Localmente Lucense
Charlas impacto portada
27 sep 2022

O Centro de Emprensas e Innovación (CEI Nodus) do Concello acollerá mañá mércores, 28 de setembro, a segunda das Charlas de Alto Impacto organizadas dentro do movemento Localmente Lucense, que se inclúe na Estratexia de Recuperación Económica do Municipio deseñada pola rexedora, Lara Méndez. Nesta ocasión, o relator será Manuel Feijoo Aragón, neto de Miliki, quen ofrecerá un coloquio sobre a resilencia, a reinvención e o traballo en equipo, baixo o título A vida é como un circo.

A vida é coma un circo conta a historia de superación, renovación e cambio de Miliki, o paiaso máis famoso do mundo de fala hispana, o home que acompañou a infancia de catro xeracións de nenos e nenas de todo o mundo e que soubo reinventarse unha e outra vez. Unha lección de vida sobre a xestión do cambio e a adaptación a novos mercados e audiencias desde a defensa do teu propio proxecto.

Manuel Feijoo Aragón (1977) leva 20 anos traballando no mundo do espectáculo. Este éxito non é por casualidade, senón polo exemplo do seu mestre: o seu avó Emilio Aragón Bermúdez “Miliki”. Traballou como guionista en series de televisión, escribiu películas, dirixiu anuncios, creou programas de tv e sobre todo destaca como cómico-monologuista e presentador, tanto en televisión como en eventos.

Desde hai uns anos, decidiu trasladar todas as ferramentas de comunicación que foi coñecendo ao mundo da empresa, co obxectivo de mellorar o ambiente de traballo e a relación entre persoas.

As charlas de impacto Localmente Lucense son conferencias presenciais dunha hora e media de duración e outra media hora de networking. Están dirixidas a persoas emprendedoras, persoas con empresas/negocios en Lugo ou persoas que busquen aumentar os seus coñecementos de cara a unha oportunidade laboral.

“O obxectivo é inspirar o emprendemento, da  man de profesionais de prestixio, e seguir fomentando o orgullo lucense entre o empresariado e o público local”, lembrou a edil, Ana Abelleira, responsable da área de Desenvolvemento Local, dende a que se promove esta iniciativa.

En total, o ciclo achegará unha ducia de sesións, da man de grandes referentes no ámbito empresarial nacional, pero tamén local, nas que se tratarán aspectos como a xestión, as ventas, a comunicación, o branding ou marketing dixital.

A conferencia deste mércores terá lugar no salón de actos do CEI Nodus, de 20.00 a 22.00 e as persoas interesadas en acudir poden inscribirse de xeito totalmente gratuíto en www.localmentelucense.gal/charlas-de-impacto.

0.17060303688049