O CEI-Nodus acolleu unha xornada sobre Xustiza Social organizada pola Rede TIL

LugoXa
Durante o encontro realizouse a sinatura simbólica do acordo de colaboración da Rede TIL, creada en 2011, e que conta co respaldo do Concello de Lugo
Xornada-Xustiza-Social-Rede-Til-Lugo
20 Feb 2025

O CEI-Nodus foi o escenario da xornada Xustiza Social, impulsada pola Rede TIL de Técnicos/as de Inserción Laboral de Lugo. Esta iniciativa celebrouse con motivo do Día Mundial da Xustiza Social, unha data que se conmemora cada 20 de febreiro.

Durante o encontro realizouse a sinatura simbólica do acordo de colaboración da Rede TIL, creada en 2011, e que conta co respaldo do Concello de Lugo. Tras a firma, proxectouse un vídeo que repasa a evolución da Rede dende os seus inicios.

A Rede TIL funciona como un espazo de intercambio, reflexión e traballo conxunto entre entidades que dispoñen de persoal técnico especializado. Mantén unha colaboración estreita co Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC) para afondar no coñecemento compartido de estratexias, modelos e metodoloxías de actuación, co obxectivo de optimizar o labor das organizacións participantes e acadar unha maior eficiencia. Deste xeito, facilita o intercambio de experiencias e o apoio no desempeño das funcións dos diferentes profesionais dedicados á orientación, asesoramento e intermediación laboral.

A Rede está integrada por ASFEM-AFAMMER, Cáritas Diocesana de Lugo, COGAMI, Cruz Vermella, Down Lugo, FADEMGA, FAXPG, FEAFES Galicia, Fundación Secretariado Xitano, Igaxes e a Universidade de Santiago de Compostela a través da Área de Orientación e Inserción Laboral do Campus de Lugo. Todas estas entidades levan anos unindo esforzos para fortalecer a súa conexión co tecido empresarial e mellorar a inserción laboral das persoas ás que asesoran.

0.17841792106628