O CEI-Nodus asegura a supervivencia do 75 % das empresas que apoia
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, acompañada do concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, mantivo un encontro este xoves con emprendedores e emprendedoras do viveiro de empresas do CEI-Nodus para coñecer de primeira man as iniciativas e proxectos que están a desenvolver nestas instalacións municipais. A rexedora destacou a aposta do Concello polo emprendemento local, “en Lugo temos talento e proxectos innovadores aos que damos soporte dende o Executivo apoiando o seu despegue con asesoramento gratuíto e mediante a cesión de locais nos que levar a cabo a súa actividade”.
Actualmente, contan cunha vintena de proxectos no viveiro do CEI e outros seis no da Tinería, “que son boa mostra deste talento”, apuntou Alvarellos quen puxo como exemplo a empresa Perusiñas, liderada polos lucenses Aitor e Laura Castro, dedicada á comercialización de doces gourmet. Alvarellos, que visitou por primeira vez o Centro de Empresas e Innovación municipal dende que asumiu a Alcaldía do Concello, puxo en valor este servizo, que ao longo dos seus 20 anos de funcionamento leva contribuído ao desenvolvemento de máis dun centenar de empresas na cidade, elevándose a porcentaxe de supervivencia das mesmas por riba dun 75 %.
Emprendemento como piar
“A determinación e a capacidade de emprender amosada polas empresas que forman parte destes viveiros empresariais municipais conta co soporte total deste Goberno local”. Destacou o apoio ao emprendemento como piar fundamental “da nosa política de dinamización económica, coa que pretendemos expandir o noso tecido produtivo, xerar emprego e fixar poboación nova”. Deste xeito, queren que Lugo “siga sendo unha cidade de oportunidades”, subliñou a rexedora.
Na reunión desta mañá tamén participaron emprendedores e emprendedoras do viveiro da Tinería, recentemente renovado, coa posta a disposición por parte do Concello de seis locais comerciais en condicións de aluguer moi vantaxosas e que foron ocupados por un taller de artesanía, outro de deseño e confección de traxes de noiva, un laboratorio de análises de augas, un estudo de uñas, unha tenda de produtos personalizados e un establecemento especializado en bicicletas.
Así mesmo, Alvarellos Fondo interesouse polo progreso do alumnado do obradoiro dual de emprego ‘ArquivaLugo’, posto en marcha polo Executivo municipal e a través do cal 20 lucenses que se atopaban desempregados están a recibir formación en tres especialidades: Operacións de gravación e tratamento de datos e documentos, con 8 alumnos participantes; Confección e publicación de páxinas web, con 6 alumnos participantes; e Deseño de produtos gráficos, con 6 alumnos participantes.
A alcaldesa desexoulles moito éxito na súa formación e tendeulles a man para, unha vez finalizada, poñan en marcha os seus propios proxectos, ofrecéndolles o apoio do Concello. O obradoiro comezou a finais de novembro de 2023 e terá unha duración dun ano. Os alumnos-traballadores están remunerados co salario mínimo interprofesional.