O CEI-Nodus municipal incorpora cinco novos proxectos empresariais

O Centro de Empresas e Innovación (CEI-Nodus) do Concello de Lugo deu a benvida a cinco novos proxectos empresariais que se incorporan ás súas instalacións, completando así a ocupación total dos espazos dispoñibles neste viveiro de empresas municipal.
Os novos negocios instalados son unha consultoría tecnolóxica, unha axencia de branding, unha tenda de marmeladas artesás, un centro de fisioterapia e outro de saúde visual.
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, expresou a súa satisfacción pola chegada destes novos proxectos: “Estamos encantados de dar a benvida a estes cinco novos emprendedores, que aportan innovación, dinamismo e servizos moi diversificados”.
Ademais, destacou que o CEI-Nodus é un exemplo claro de apoio efectivo ás empresas emerxentes e que a ocupación total dos seus espazos é un reflexo da confianza que os emprendedores depositan no modelo de xestión e apoio do Concello. “Seguimos sendo un lugar de referencia para quen quere poñer en marcha o seu negocio cun respaldo sólido detrás”, engadiu Fernández.
O CEI-Nodus, en funcionamento desde novembro de 2004, conta con 23 espazos dedicados ao desenvolvemento de empresas de nova creación, ademais de talleres, laboratorios e un espazo coworking. Nos últimos cinco anos, o centro acolleu 137 empresas e asesorou a máis de 250 emprendedores.
“A elevada demanda deste viveiro de empresas tamén pon de manifesto a súa utilidade como plataforma de lanzamento para novos negocios. Non en vano, baixo o seu paraugas xa se desenvolveron máis de centenar de empresas na cidade, cunha taxa de supervivencia superior ao 75%”, sinalou o alcalde. Fernández tamén se comprometeu a seguir traballando para mellorar os recursos dispoñibles e facilitar que máis proxectos poidan prosperar en Lugo.
A cesión dos locais realizarase por unha duración inicial de 12 meses, cunha posibilidade de prórroga por períodos iguais ata un máximo de tres anos. Este sistema busca favorecer a renovación das empresas e apoiar o maior número de proxectos posibles.