O CEIP As Gándaras acolleu a entrega dos carnés Ciberexpert@ a 50 alumnos de 6º de Primaria

LugoXa
No acto estivo presente a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, así como persoal encargado da formación, que valoraron positivamente o impacto desta iniciativa
carné-ciberexpertos-As-Gándaras-Lugo
13 Jun 2025

O CEIP As Gándaras foi o escenario do acto de entrega dos carnés Ciberexpert@, que recoñecen a participación e superación do programa de formación en ciberseguridade. Un total de 50 alumnos e alumnas de 6º de Primaria recibiron esta distinción tras completar o curso 2024-25.

Esta actividade forma parte do programa Ciberexpert@, que durante este curso chegou a dez centros educativos da cidade de Lugo, formando a 450 escolares en materias relacionadas coa seguridade na rede. Entre os centros participantes figuran, ademais do CEIP As Gándaras, o CPR Salesianos, CPR La Inmaculada, CEIP Paradai, CPR Franciscanos, CEIP A Ponte, CPR Cervantes, CEIP Sagrado Corazón, CEIP Albeiros e CPR Divino Maestro.

No acto estivo presente a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, así como persoal encargado da formación, que valoraron positivamente o impacto desta iniciativa na promoción dunha navegación segura entre a mocidade.

“A seguridade dixital da infancia e a mocidade é un reto colectivo, e dende o Goberno de España apostamos por formar ás novas xeracións no uso seguro de internet e das redes sociais”, destacou Isabel Rodríguez, quen agradeceu o compromiso dos centros participantes e do equipo da Policía Nacional que desenvolveu o programa.

Ao longo de catro sesións en cada grupo, os axentes traballaron co alumnado cuestións como a navegación segura, a xestión da privacidade en liña e fóra da rede, o uso responsable das redes sociais e a prevención fronte aos riscos das Tecnoloxías da Relación, Información e Comunicación (TRIC).

“Este programa demostra que a prevención e a formación son as mellores ferramentas para protexer á infancia no entorno dixital”, sinalou a subdelegada. “As familias, o profesorado e, sobre todo, o alumnado, transmítennos o seu interese por seguir aprendendo sobre ciberseguridade. Esa resposta é a mellor motivación para continuar con esta iniciativa o vindeiro curso”, engadiu.

⚙ Configurar cookies
0.171058177948