O CEIP As Gándaras celebra o seu 50 aniversario cunha semana chea de actividades e unha xornada festiva

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, achegáronse ao CEIP As Gándaras para participar nas actividades organizadas polo 50 aniversario do centro educativo. Alí parabenizaron á comunidade escolar pola súa traxectoria e compartiron parte da xornada festiva co alumnado, profesorado e familias.
Durante a visita, Rubén Arroxo destacou o “importante esforzo” que realiza cada ano a Tenencia de Alcaldía, a través da área de Educación, para manter servizos que, segundo indicou, “debería prestar a Xunta de Galicia”.
Citou como exemplo os comedores escolares, “unha responsabilidade directa da Xunta que o Concello asume porque o goberno galego a deixa sen cubrir”. Tamén lembrou outros servizos municipais como as actividades extraescolares, as Escolas Infantís ou as axudas para libros e material escolar, que teñen como obxectivo garantir que todas as familias teñan acceso á educación en igualdade de condicións. “Isto supón un esforzo importante, tanto económico como administrativo, para o Concello de Lugo”, engadiu.
O CEIP As Gándaras desenvolveu durante toda a semana unha programación especial para conmemorar os seus 50 anos, con obradoiros de percusión, actuacións da Banda Filarmónica, música tradicional, xogos populares, espectáculos de maxia e cine na rúa, fomentando un ambiente lúdico e participativo.
A celebración central terá lugar este sábado, 21 de xuño, nunha xornada aberta á veciñanza de Lugo. O evento incluirá unha exposición de material didáctico, fotografías antigas, trofeos e outros elementos que repasan a historia do colexio. Tamén haberá sorteos, xogos infantís e numerosas actividades para desfrutar en familia.