O CEIP As Gándaras celebra unha semana chea de actividades para festexar os seus 50 anos de historia

O CEIP As Gándaras de Lugo celebrará durante a última semana lectiva do curso unha programación especial con actividades para o seu alumnado co fin de conmemorar os 50 anos de historia do centro.
Cine na rúa, a actuación da banda municipal, un obradoiro de percusión, concertos didácticos, teatro, xogos populares e mesmo o baile protagonizado polos propios nenos e nenas son algunhas das propostas que encherán de vida e ilusión o colexio durante os últimos días do curso escolar.
A celebración culminará o vindeiro sábado, 21 de xuño, cunha xornada festiva moi especial que incluirá unha comida no propio centro á que están convidados membros do centro educativo, así como ex alumnos, ex profesores e veciños e veciñas das Gándaras.
Ademais, haberá un espectáculo de maxia a cargo do Mago David, actividades infantís, a actuación da Banda Filarmónica de Lugo e a música do DJ Jairo, antigo alumno do colexio. Tamén está prevista a participación dun dúo musical aínda pendente de confirmación.
O director do centro, Cándido Vázquez, sinala que “esperamos que sexa un día moi especial, xa que tamén teremos expostas fotos destes 50 anos de ex alumnos e tamén as dúas vitrinas de premios e trofeos que lle foron concedidos ao colexio nestes anos, xa que houbo unha gran actividade cultural e deportiva que foi galardoada”.