O CEIP da Ponte, en Lugo, estreará ascensor o vindeiro curso
A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades licitou a instalación dun ascensor no Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) A Ponte, na cidade de Lugo, cun orzamento de 72.000 euros.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que o obxectivo é “mellorar a accesibilidade, ofrecendo un centro máis inclusivo e confortable para toda a comunidade educativa”. Tamén no eido da accesiblidade, engadiu que vén de rematarse o acondicionamento dun baño adaptado, para o que se destinaron outros 2.100 euros.
Arias visitou onte o colexio acompañado do director, José Luís Bernedo, entre outros, e apuntou que se instalará un ascensor con capacidade para 8 persoas, disposto polo exterior do edificio -que conta con planta baixa e dúas alturas- para non alterar as superficies de aulas nin espazos comúns.
O delegado afirmou que “se axilizará o proceso de adxudicación do ascensor para aproveitar en todo o posible o período non lectivo e dispoñer do servizo o vindeiro curso”; o prazo máximo de execución desta obra será de tres meses.
Aria concluíu que estas obras modernizan os servizos dun centro que está a experimentar un claro aumento da demanda, incrementando en case un 30% o número de matriculas nos últimos catro anos, nos que pasou de 170 a 220 alumnos e alumnas.