O CEIP Menéndez Pelayo de Lugo acollerá unha xornada de música tradicional da Tradescola

LugoXa
"Estes concertos son moi importantes para a Tradescola, xa que estes posibles novos músicos e bailadores serán os que xoguen un papel básico no futuro das nosas tradicións", sosteñen
premios_tradescola
6 Nov 2024

A Tradescola, a escola de música tradicional galega que xestiona a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s na cidade de Lugo, realizará o venres 8 de novembro unha nova actividade de promoción e difusión da música e do baile tradicional na provincia.

Concretamente, achegarase ata o CEIP Menéndez Pelayo de Lugo para impartir unha nova xornada de música tradicional para escolares. Con estas xornadas, que contan coa axuda da área de Cultura da Deputación de Lugo, a Tradescola pretende achegar á comunidade escolar a nosa música e a nosa cultura tradicional, dun xeito ameno e didáctico a través dos concertos impartidos nos distintos centros.

Este concerto é parte do agasallo para a gañadora do XI Certame de Debuxo realizado pola Tradescola no mes de marzo, Álida Reynoso Lobato, e nel mostrarase a distintos instrumentos, ritmos, e melodías protagonistas da música tradicional e popular galega.

O concerto estará impartido polos mestres da Tradescola Miguel Anxo López, Bruno Villamor, Germán Díaz e Alberte Núñez.

Dende a Tradescola trabállase "para poder transmitir os coñecementos das nosas tradicións da mellor maneira posible ás novas xeracións, para que saiban conservalos, respectalos e poñelos en valor", sosteñen.

Ademais, din que estes concertos "son moi importantes para a Tradescola, xa que estes posibles novos músicos e bailadores serán os que xoguen un papel básico no futuro das nosas tradicións, da nosa música, canto e baile e como non, tamén da nosa lingua".

Un dos obxectivos da Tradescola é incrementar a presenza da música e do baile tradicional galego nos distintos ámbitos da sociedade, e a través de actividades como esta, pretendemos non só difundir a cultura tradicional, senón que ademais queremos amosar esta riqueza cultural dunha maneira aberta, chea de contidos e na que todas e todos os escolares poden participar de xeito activo con preguntas e aportacións,  contribuíndo e potenciando deste xeito á divulgación da cultura e a súa conservación.

0.21333599090576