O cemiterio de Lugo é un referente a nivel internacional no eido dos cemiterios patrimoniais
O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo e a concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, visitaron hoxe o Cemiterio Municipal xunto co Secretario Permanente da Rede Iberoamericana de Valoración e Xestión de Cemiterios Patrimoniais, o colombiano Diego Andrés Bernal Botero. O Tenente Alcalde destacou “o traballo realizado nestes anos para consolidar o Cemiterio de Lugo como un referente a nivel internacional no eido dos cemiterios patrimoniais”.
Arroxo destacou as accións realizadas nestes meses, “consolidouse unha programación cultural durante todo o ano, con actividades de calidade e que contan cunha gran aceptación por parte da veciñanza”, e engadiu “neste mandato executamos tamén a primeira ampliación do Cemiterio Municipal desde o ano 2006, unha acción moi necesaria e moi reclamada pola veciñanza”.
Rubén Arroxo afirmou que “de cara ao 2022 continuaremos a traballar no Cemiterio Municipal desde a área de Participación”, e destacou que os orzamentos xa aprobados para o vindeiro ano inclúen partidas para a creación dun espazo expositivo que contará cunha exposición permanente da historia do Cemiterio e do antigo cemiterio de Magoi".
A área de Participación reserva en total 190.000€ para continuar a mellorar o Cemiterio de Lugo, “un dos poucos de todo o estado cuxa xestión é totalmente pública”, afirmou Rubén Arroxo.