O cemiterio de mascotas e a mellora da xestión dos Servizos Sociais, protagonistas da Xunta de Goberno

LugoXa
Continuou xestándose o San Froilán cunha nova adxudicación dos postos en catro zonas
arroxo-e-olga-lopez-racamonde-xunta-de-goberno
30 Jul 2025

O Concello de Lugo deu un novo paso na súa aposta por uns servizos públicos máis próximos, modernos e sensibles ás necesidades da veciñanza, coa aprobación de importantes acordos na Xunta de Goberno Local celebrada este mércores.

Un dos asuntos máis destacados foi a aprobación da ordenanza reguladora do primeiro cemiterio municipal de mascotas de Galicia, un proxecto pioneiro promovido polo Goberno local e actualmente en obras nas inmediacións do Cemiterio de San Froilán. A nova instalación disporá de espazos axardinados, nichos individuais para urnas e un cinceiro xeral, e permitirá realizar actos de despedida e visitas nun entorno digno e accesible. Segundo o tenente de alcalde, Rubén Arroxo, trátase “dun proxecto moi demandado pola cidadanía, que responde á crecente sensibilidade social co vínculo afectivo entre persoas e animais de compañía”.

No ámbito urbanístico, tamén se deu luz verde á adecuación dun novo aparcadoiro público na rúa Rof Carballo, aproveitando un solar municipal que xa se viña utilizando informalmente. A obra foi adxudicada á empresa Ogalia por 43.076 euros, e contempla pavimento de formigón para accesos e manobras, así como prazas con herba armada e zonas axardinadas, cun prazo de execución de dous meses.

En canto á organización anticipada das festas do San Froilán 2025 e 2026, aprobouse a adxudicación dos stands para os postos de venda. Instalaranse casetas en catro localizacións: 50 en Rodríguez Mourelo, 16 en Puro Cora, 8 na Avenida Dr. García Portela e 23 na Praza Maior, no espazo Gastroarte. O contrato, adxudicado á empresa Xestión de Montaxes Ancares SL, ascende a 62.878,08 euros. “Avanzamos na planificación para garantir unhas festas seguras, organizadas e de calidade”, apuntou Arroxo.

Xa no ámbito social, aprobouse unha actualización técnica da plataforma dixital municipal de xestión de Servizos Sociais, cun investimento adicional de 13.358 euros. A concelleira Olga López explicou que esta mellora permitirá unha tramitación máis áxil e integrada coa sede electrónica, reducirá duplicidades nos rexistros e facilitará a coordinación entre equipos profesionais. Ademais, incorporaranse novas ferramentas para análise de datos e seguimento estatístico da actividade.

Tamén se autorizou a rehabilitación integral dun edificio na rúa da Cruz nº13, dentro do PEPRI, para a construción de catro vivendas e un local comercial, cun orzamento de 480.000 euros. E no rural, adxudicáronse obras de mellora da seguridade viaria nas localidades de Brea, Tirimol, Liñar, Vilachá de Mera e Calde, por un importe de 83.000 euros.

Ademais, constituíuse un novo servizo de auditoría interna para reforzar o control da xestión municipal e aprobouse o relevo de dous membros do Tribunal Económico Administrativo, asumindo a presidencia Tamara Graña e a secretaría María Luisa Vila.

Por último, tanto Rubén Arroxo como Olga López criticaron a decisión do PP de abandonar a Comisión das Festas do San Froilán, criticando a súa “actitude obstrucionista e falta de compromiso institucional”. Ambos valoraron o traballo do equipo de Cultura e a implicación cidadá, subliñando que “o San Froilán é unha festa de todos os lucenses, viva e chea de apoio popular”.

⚙ Configurar cookies
0.17200303077698