O Cemiterio de San Froilán acolle o espectáculo “Dándolle unha volta a Don Juan”

O Cemiterio Municipal de San Froilán converterase esta fin de semana nun escenario teatral único coa proposta “Dándolle unha volta a Don Juan”, unha iniciativa da Escola Palimoco Teatro Danza en colaboración co Concello de Lugo.
O programa comezará o sábado 18 de outubro ás 20:00 horas coa representación “Don Juan”, a cargo de Palimoco, Malala e Cía.
O domingo 19 de outubro haberá dous pases dedicados á versión xuvenil “Don Juanin”: o primeiro será ás 16:30 horas, con Magníficos e Palimochuqui, e o segundo ás 18:30 horas, con Cabrastolas e Palimoco Loco Loco.
Finalmente, o luns 20 de outubro ás 09:30 horas, celebrarase o pase para institutos tamén coa posta en escena de Palimocos, Malala e Cía.
As entradas poden retirarse no Centro de Interpretación da Muralla. En caso de choiva, as actuacións realizaranse na capela do cemiterio, con aforo limitado aos 60 primeiros números.
A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, visitou as instalacións da Escola Palimoco de Teatro e Danza, e puxo en valor esta iniciativa, que facilita "achegar á veciñanza ao cemiterio para coñecer a riqueza desta instalación".
Ademais, dixo que as propostas teatrais desta edición terán un "carácter innovador, con interpretacións e versións adaptadas da obra clásica Don Juan de Zorrilla".