O Cemiterio Municipal de San Froilán acolleu unha nova edición dos Paseos Teatralizados

LugoXa
O grupo de teatro Achádego foi o encargado de guiar o percorrido e dar vida, a través das súas interpretacións, ás historias de figuras femininas
Achádego-Teatro-cemiterio-Lugo
24 Mar 2025

O Cemiterio Municipal de San Froilán foi o escenario dunha nova edición dos Paseos Teatralizados, unha iniciativa impulsada pola Concellería de Participación e Servizos á Veciñanza do Concello de Lugo, dentro da Programación de Primavera do cemiterio.

Nesta ocasión, a actividade centrouse en reivindicar a memoria das mulleres máis destacadas da historia lucense que descansan neste camposanto. O grupo de teatro Achádego foi o encargado de guiar o percorrido e dar vida, a través das súas interpretacións, ás historias destas figuras femininas que deixaron unha pegada inesquecible no desenvolvemento cultural e social da cidade.

A concelleira responsable da área, Cristina López, destacou que “demos a coñecer as mulleres máis senlleiras que están neste cemiterio e que tiveron importancia para a historia de Lugo”. Ademais, animou á veciñanza a sumarse a esta proposta cultural “que busca rescatar a memoria da cidade”, e asegurou que as visitas teatralizadas ao cemiterio son “unha oportunidade única para coñecer o noso pasado nunha instalación referencial de Lugo”.

A actividade forma parte dunha serie de xornadas organizadas pola Concellería, que continuarán nas vindeiras datas, co obxectivo de poñer en valor o patrimonio histórico e humano do Cemiterio de San Froilán a través do teatro e da memoria.

⚙ Configurar cookies
0.76788711547852