O Centrad acolle unha actividade de outono con xogos, cantigas e o magosto da Tradescola

O Centrad converterase este martes, 11 de novembro, a partir das 16.30 horas, nun espazo de encontro coas tradicións do outono. A iniciativa, dirixida ao público familiar, incluirá un obradoiro de xogos bailados e cantigas propias desta época, ademais dun magosto e xogos tradicionais organizados por Xotramu.
A proposta, que conta coa colaboración da Área de Cultura do Concello de Lugo e co apoio do propio Centrad, busca celebrar a chegada do outono promovendo a música, o canto, o baile e outras manifestacións culturais galegas.
No marco desta actividade farase tamén entrega dos agasallos aos finalistas do XII Certame de Debuxo sobre o baile e os instrumentos da música tradicional, no que participaron máis de douscentos debuxos elaborados por nenas e nenos de primeiro, segundo e terceiro de primaria de distintos centros da provincia de Lugo. Os pequenos demostraron non só as súas habilidades artísticas, senón tamén un amplo coñecemento da música e dos instrumentos tradicionais galegos.
O certame, que este ano chega á súa duodécima edición, está organizado pola Tradescola en colaboración coa Área de Cultura da Deputación de Lugo, co obxectivo de achegar a música tradicional galega á infancia e fomentar o coñecemento dos instrumentos e do baile propios do país.
A Tradescola quixo felicitar a todos os participantes polos seus excelentes traballos e, especialmente, aos dez finalistas, que recibirán un lote de material didáctico vinculado á música tradicional. Os finalistas son: Joaquín Ávila (CEIP Rosalía de Castro de Pol), Julia Vázquez Arrojo (CEIP Illa Verde de Lugo), Baia Antoñón Daparte (CEIP Rosalía de Castro de Lugo), Carmen Vale Ramos (CEIP Plurilingüe Covas de Viveiro), Irene García Gómez (CEIP Península da Paz de San Cibrao, Cervo), Sara Otero Fernández (CEIP Plurilingüe de Castroverde), Andrés Ramos Argerei (CPI Dr. López Suárez de Friol), Paula Rodríguez Vázquez (CEIP Plurilingüe do Corgo), Gonzalo Porto Ingerto (CEIP Plurilingüe do Corgo) e Lucía González Manova (CEIP Illa Verde de Lugo).
A organización agradeceu a todos os centros e estudantes a súa participación e o entusiasmo mostrado, destacando o valor de iniciativas que manteñen vivas as tradicións galegas entre as novas xeracións.