O Centrad acolle unha mostra de gaitas de fol

LugoXa
O Centro de Artesanía acolle unha exposición de gaitas de fol da península e outros instrumentos musicais que poderá verse ata o 4 de xaneiro.
26 Dec 2022

O Centro de Artesanía acolle unha exposición de gaitas de fol da península e outros instrumentos musicais que poderá verse ata o 4 de xaneiro. A mostra, coordinada por Pablo Carpintero e Rosa Sánchez, acolle tipoloxías de gaitas de fol de toda a Peninsula Ibérica: asturianas, galego asturianas, leonesas, chairegas, da Galiza central, gaitas de ronquillo e gaitas de catro voces, gaitas do Baixo Miño, minhotas, coimbrãs, estremenhas, sanabresas, alistanas e trasmontanas. Tamén das Illas Baleares e de Aragón.

Cada gaita leva un gran panel explicativo das súas características e réplicas ou orixinais dos tambores e bombos que as acompañaban, así como das súas palletas orixinais.

Hai expositores adicados a cada unha das idades das gaitas: Idade Antiga, Idade Media e Barroco. Nesta parte pódense ver réplicas de instrumentos moi primitivos como os aulòs do Louvre ou as pipas de Ur e outros galegos intimamente relacionados con eles. Dedicase unha parte ao desenvolvemento da gaita galega moderna, onde explicamos como nos anos 60 Basilio Carril e Olimpio Carril deron co modelo de gaita e palleta que se usan hoxe.

Tamén se poden ollar as ferramentas coas que se fabricaban antigamente as gaitas de fol e tamén tódolos instrumentos que os nenos empregaban para percorrer o camiño cara á gaita dos adultos. Unha parte desta exposición está reservada aos instrumentos femininos, pois as mulleres foron o soporte fundamental da nosa música máis cotián. Poderedes ollar réplicas de máis de vinte pandeiras, pandeiretas e adufes tradicionais. Tamén expositores adicados ao conxunto de frauta e tambor, tan presente aínda no noso arredor, e moitas máis cousas que non vos desvelamos.En total: uns 300 instrumentos musicais, entre eles máis de 50 gaitas antigas ou réplicas delas.

A inauguración da exposición, a maior mostra temática que se ten organizado na Peninsula Ibérica, completouse co concerto didáctico Música e Evolución na Capela de Santa María, no que Pablo Carpintero e Rosa Sánchez afondaron a través de distintas melodías e instrumentos no significado da música como manifestación cultural esencial para os  humanos.

0.1266450881958