O centro de convivencia Lamas de Prado acolle a charla 'A saúde bucodental na muller'

A área de Muller e Igualdade do Concello de Lugo continúa co desenvolvemento da xornada de Saúde Feminina, un ciclo que o mércores, día 21, abordará a charla 'A saúde bucodental na muller'.
Esta conferencia terá lugar no centro de convivencia de Lamas de Prado, a partir das 18.00 horas e a súa entrada é gratuíta e aberta ao público en xeral ata completar aforo.
A asistencia a esta conferencia é gratuíta e correrá a cargo da Fundación Clínica Dental Solidaria de Lugo, pertencente ao Colexio Oficial de Odontólogos e Estomatólogos de Lugo.
O ciclo de Saúde Feminina reanudarase o vindeiro mes de xuño, coa derradeira charla prevista neste programa de conferencias, que aborda distintos temas de saúde relacionados coas mulleres en distintas etapas e períodos da vida.
Así, para rematar dito ciclo abordarase unha última charla sobre o lipedema e a importancia do exercicio, prevista para o día 9 de xuño no Vello Cárcere.