O Centro de Empresas e Innovación do Concello de Lugo celebrou os seus 20 anos

LugoXa
O centro púxose en marcha en novembro de 2004 e conta con 23 espazos para o desenvolvemento da súa actividade por empresas de nova creación
persoal-do-CEI-Nodus-20-aniversario
29 Nov 2024

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, e o edil de Dinamización Ecomónica, Mauricio Repetto, participaron na festa con motivo do 20 aniversario do Centro de Empresas e Innovación do Concello (CEI-Nodus).

Con vinte anos de traxectoria, o CEI-Nodus destaca como un referente no fomento de novas empresas en Lugo. O centro púxose en marcha en novembro de 2004 e conta con 23 espazos para o desenvolvemento da súa actividade por empresas de nova creación, 5 talleres, 2 laboratorios e 16 locais. Tamén conta cun espazo dividido en 5 compartimentos para Semilleiro e un espazo Coworking.

"Hoxe celebramos con orgullo o 20 aniversario do noso Centro de Empresas e Innovación, un espazo motor de emprendemento, creatividade e desenvolvemento económico na nosa cidade”, subliñou a rexedora, quen felicitou a todo o persoal que, “co seu esforzo e dedicación, fixo posible que este proxecto se consolidara como un referente para as empresas de Lugo”. “Grazas ao voso compromiso, moitas ideas convertéronse en realidades que xeraron emprego e riqueza", apuntou.

Alvarellos lembrou que “o CEI-Nodus é unha clara mostra da aposta do goberno municipal polo fomento da innovación e a cultura emprendedora en Lugo, pois baixo o seu paraugas, xa se desenvolveron máis dun centenar de empresas na cidade, elevándose a porcentaxe de supervivencia das mesmas por riba dun 75 %”.

“Ademais, tamén supuxo a xeración de máis de 300 postos de traballo directos no municipio”, explicou a rexedora quen destacou que “o CEI-Nodus permitenos poñer o foco en iniciativas locais, apoiando o talento lucense e xerando un desenvolvemento económico para a cidade de Lugo e para toda a comunidade”.

Pola súa banda, Mauricio Repetto apuntou que “a través desta ferramenta dende o goberno local tamén buscamos dar oportunidades aos mozos e mozas, para reter o talento en Lugo, e facilitar a implantación de novas empresas na nosa cidade; así, o persoal do CEI prestou asesoramento personalizado e acompañemento a máis de 600 proxectos ao longo destes vinte anos”.

“Este viveiro, xunto ao da Tinería e a Estratexia Lugo Transforma, son algunha das iniciativas que estamos a desenvolver dende o Concello para crear emprego de calidade en lugo”, subliñou.

A celebración do 20 aniversario contou cunha actuación do grupo ‘Los Alcántara’, food truck e ambientación musical a cargo do DJ David Taboada.

0.17220497131348