O centro de fauna do Veral contará cun novo edificio

LugoXa
Vaise renovar e construír un edificio no Centros de Recuperación de Fauna situado no Veral, Lugo cun orzamento de 477.500 euros
Centro de recuperacion de fauna silvestre veral lugo
15 Out 2021

Adxudicadas as obras de reforma do Centro de recuperación de fauna silvestre (CRF) do Veral, en Lugo, por un importe de 477.500 euros, cos que se vai acometer unha renovación completa das actuais instalacións, incluíndo a construción dun novo edificio.

O proxecto recolle a demolición de varias edificacións e a reordenación das dotacións, de forma que se mellora a conexión entre dependencias e a eficiencia no traballo. En concreto, derrubaranse a caseta da actual oficina e as instalacións destinadas a azoreiras e mudas, e integraranse cos novos espazos a zona de especies acuáticas con estanque, unha cámara de voo que permanece illada, tres cámaras de voo mais pequenas que se reformarán para incorporalas á edificación principal e un edificio illado destinado actualmente a cociña e almacén, que se manterá como zona de baldeo.

O centro do Veral, que xestiona a Consellería, ten como fin o coidado e restablecemento dos exemplares de fauna silvestre autóctona que no estean en condicións de subsistir por si sós no medio natural. A prioridade é devolver a estes animais ao seu hábitat ou, cando non sexa posible, integralos en programas de conservación ex situ ou de educación ambiental. É o único en Galicia que dispón de instalacións axeitadas para a recuperación de osos e acolle unha das primeiras piscifactorías que se construíron en  España.

NOVA EDIFICACIÓN

O edificio principal estruturarase en dous módulos; un administrativo, no que se realizará a recepción dos animais, o tratamento e a atención veterinaria; e outro para a recuperación inicial dos exemplares e os servizos de atención. Este último distribuirase nunha cámara para mamíferos, unha cámara de voo, seis azoreiras, tres salas de mudas, tres estancias para nocturnas, un almacén, unha sala para necropsias e as tres cámaras de voo xa existentes, que se conservan parcialmente.

Ademais, o futuro centro contará cun túnel de voo —unha zona libre para voar, valada en todo o seu perímetro e cuberta con malla metálica— para facilitar que as aves recuperadas poidan practicar antes de devolvelas ao medio natural. A zona de acuáticas existente conservarase e complementarase con dúas piscinas, aínda que o actual valado será modificado no lugar onde se encontra co recinto das piscinas, para darlle acceso directo.

0.20064210891724