O Centro de Formación Audiovisual celebra a graduación cunha gala creativa

LugoXa
A gala contou coa actuación do pianista Luis Monsalve, que interpretou bandas sonoras de filmes de Ghibli, e coa estrea dun videoclip realizado polos graduados xunto ao grupo Jade4
Graduacion-Centro-de-Formacion-Audiovisual-2025
18 Jun 2025

O curso 2024/2025 do Centro de Formación Audiovisual da Deputación de Lugo (CFA) rematou coa entrega de diplomas á 21ª promoción de graduados en Realización e Produción.

A gala de clausura, á que asistiron familiares e amigos, celebrouse nos xardíns do centro e estivo inspirada no universo do Studio Ghibli, coincidindo co 40 aniversario da fundación deste prestixioso estudo de animación. O evento foi ideado, producido e realizado polo alumnado de primeiro curso, converténdose así nunha experiencia práctica nun escenario real.

Durante o acto, o deputado Pablo Rivera Capón destacou que esta é unha data significativa tanto para o estudantado como para a Deputación, ao consolidarse un proxecto formativo que leva 21 anos contribuíndo á profesionalización do sector audiovisual, un ámbito que está en constante evolución e que require persoas preparadas, creativas e versátiles. Tamén puxo en valor o esforzo económico da institución provincial para garantir unha formación pública e de calidade, e lembrou que o prazo de matrícula está aberto ata o 4 de xullo, mantendo a súa gratuidade como mostra do compromiso coa igualdade de oportunidades e co futuro da mocidade lucense.

No seu discurso, Rivera subliñou que neste curso se deu un paso importante para a implantación da nova Lei Orgánica de Ordenación e Integración da Formación Profesional, que xa comezou a aplicarse en primeiro curso e se completará o vindeiro ano con segundo. A nova FP incorpora contidos actualizados, módulos sobre dixitalización, inglés técnico e sustentabilidade, ademais de prácticas máis longas e flexibles para favorecer a conexión entre a aprendizaxe e a realidade profesional.

Rivera Capón tamén destacou o bo momento que vive o sector audiovisual galego, con figuras recoñecidas internacionalmente como o cineasta lugués Oliver Laxe, gañador do Premio do Xurado no Festival de Cannes. O deputado sinalou que traxectorias como a súa demostran que desde Lugo e desde o rural tamén se pode chegar moi lonxe se hai talento, formación e dedicación, e animou aos novos graduados a seguir transformando o sector desde Galicia.

A gala contou coa actuación do pianista Luis Monsalve, que interpretou bandas sonoras de filmes de Ghibli, e coa estrea dun videoclip realizado polos graduados xunto ao grupo Jade4, un exemplo máis do enfoque práctico do CFA. O deputado felicitou especialmente ao alumnado de primeiro polo traballo realizado, destacando que o resultado foi “unha gala emocionante e profesional, froito dun gran traballo en equipo desde a idea inicial ata a súa execución final”.

⚙ Configurar cookies
0.16544198989868