O centro de Friol recupera este domingo a tradicional feira mensual
A Feira Mensual de Friol, que tradicionalmente se celebra o primeiro domingo de cada mes, cambiará de situación despois de máis dunha década no recinto do mercado gandeiro. Desde este domingo 7 de abril a Feira de Friol volverá celebrarse no centro da capitalidade do municipio, adaptándose aos novos tempos para que Friol continúe na senda do progreso.
Para conmemorar esta data, está previsto un concerto da banda de música Sons e Soños, da Asociación Músico Crisanto. Este terá lugar na praza Andón Cebreiro a partir das 17.30 horas.
O alcalde popular José Ángel Santos destacou que "decidimos facer este cambio da nosa Feira Mensual tras comprobar que as transaccións de venda de animais vivos minguara moito nos últimos tempos, así que consideramos que non ten moito sentido manter o resto da infraestrutura da feira nun recinto afastado do centro do pobo”.
Aínda que se considera que foi unha decisión acertada no seu momento, o equipo de goberno toma esta medida co obxectivo de darlle maior potencial á feira mensual e a todo o municipio, fomentando a calidade e variedade da gastronomía local, promovendo o turismo e propulsando a vida social e cultural.
Desde o Concello consideran que co novo emprazamento non só se conseguirá que se acheguen máis veciños e veciñas, senón tamén persoas doutros lugares, que terán un motivo máis para visitar e coñecer Friol, “instaurando xa como un novo costume que cada primeiro domingo de mes hai que visitar a Feira para desfrutar dos ‘Saberes e Sabores de Friol’”.
Con esta nova aposta, outros dos principais obxectivos que se pretenden conseguir desde o equipo de goberno son fortalecer o sistema económico e produtivo de Friol e promocionar os seus produtos agroalimentarios para seguir dinamizando e impulsando o sector primario do municipio e continuar potenciando o sector empresarial e o comercio local.
Con este cambio preténdese dar maior visibilidade a todos os sectores que se expoñen mes tras mes na Feira. A organización dos diferentes postos que se montarán no centro de Friol será similar á que se leva a cabo na Feira do Queixo e Pan de Ousá. Na Praza Andón Cebreiro asentaranse postos metálicos, cubertos e con instalación eléctrica propia que o Concello porá a disposición dos produtores de Friol.
Na praza e nos seus arredores atoparanse produtos agrogandeiros, téxtil, artesanía, etc. Os feirantes, que non terán que pagar taxas municipais, tamén poderán situarse no Parque Rosalía de Castro, a Praza Curros Enríquez e a Rúa Santa Isabel para expoñer os seus produtos.
Outro dos reclamos vinculados á Feira por suposto será a gastronomía, desde os propios establecementos hostaleiros de Friol e diferentes postos nos que se poderán comer pratos populares como polbo, churrasco e outros produtos típicos da provincia e de Galicia.
Desde o Concello tamén se quere facer un chamamento a toda a poboación de Friol, "xa que o éxito deste cambio só será posible co apoio, a implicación e a colaboración de todos os veciños e veciñas do municipio".