O centro de saúde de Becerreá, máis preto de poder facerse realidade

A Xunta anunciou a licitación da redacción do proxecto da nova infraestrutura sanitaria que a Xunta construirá no municipio, cunha inversión que supera os 3,2 millóns de euros.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, que visitou o centro de saúde de Becerreá xunto co delegado territorial en Lugo, Javier Arias, e a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López, explicou que o orzamento para a redacción do proxecto será próximo aos 270.000 euros, e as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o próximo 25 de setembro.
Segundo indicou, agárdase que o proxecto estea finalizado durante o primeiro semestre de 2026, coa intención de licitar as obras ao longo do ano seguinte. O novo centro de saúde terá unha superficie construída superior aos 2.000 metros cadrados e, segundo o Plan Funcional, disporá de tres consultas de medicina, tres de enfermaría, unha sala polivalente e varias salas técnicas e para a toma de mostras.
Ademais, contará cunha área de pediatría con consulta de medicina, enfermaría e sala de dilatación, e unha área de atención á muller con consulta de matrona e sala de educación para a saúde. Como novidade, incorporarase unha consulta de traballo social, unha de hixienista, unha sala de técnicas, unha polivalente e outra destinada á docencia.
A Xunta modernizará tamén a radioloxía e mellorará os espazos destinados ás tarefas administrativas e de xestión. O punto de atención continuada ampliará a súa capacidade cunha nova sala de observación, un box para críticos, unha consulta de enfermaría e dúas de medicina, unha máis que na actualidade.
Gómez Caamaño lembrou que este novo centro forma parte do compromiso da Xunta para ofrecer unha sanidade pública moderna e próxima, dando resposta ás necesidades sanitarias da poboación dos Ancares.