O centro de visitantes de Castromaior estará listo para este verán

LugoXa
O Goberno central está a executar este proxecto en Portomarín, como tamén a rehabilitación do Pazo do Xeneral Paredes.
portomarin castro castromaior 2
15 Abr 2021

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez,  desprazouse esta mañá a Portomarín para comprobar a marcha das actuacións que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana está a executar no municipio, cun investimento de case medio millón de euros. Trátase de dous proxectos, incluídos no programa de intervencións de interese cultural no Camiño Francés, e que se prevén rematar antes do verán.

A subdelegada comezou a visita comprobando os traballos de rehabilitación do Pazo do Xeneral Paredes, que teñen un presuposto de 156.494 euros, e posteriormente achegouse ás obras de construción do Centro de visitantes en Castromaior, tamén financiado integramente polo Goberno e que supón un investimento total de 312.979 euros.

PAZO DO XENERAL PAREDES

O Pazo do Xeneral Paredes ou casa do Conde da Maza, chamado antigamente Casa Grande, é un edificio singular de Portomarín que está situado a carón da Casa do Concello. Data do século XVI e foi propiedade do Conde de Taboada, tamén co apelido de la Maza, descendente dunha antiga e dilatada dinastía de militares.

As obras que se están a realizar teñen por obxecto a rehabilitación do inmoble para acondicionalo coa finalidade de albergar un centro sociocultural, no que os veciños poidan realizar diversas actividades tal como ten previsto o Concello.

Esta actuación inclúe a realización de traballos de demolición de tabiquerías, a fin de adaptar a súa distribución para o uso público socio-cultural, turístico e/ou deportivo. Así crearanse novas estancias, renóvanse chans, teitos, paramentos verticais e carpintería interior. Tamén está prevista a instalación de un ascensor e ramplas para facelo accesible, a creación de vestiarios e aseos adaptados, así como a renovación das instalacións eléctricas, de calefacción e de fontanería.

CENTRO DE VISITANTES DO CASTRO

Pola súa banda, o núcleo de Castromaior alberga un dos maiores castros de Galicia. Se ben orixinalmente o Camiño de Santiago atravesaba o castro, hoxe o seu trazado discorre paralelo á estrada nacional con evidente risco para os peregrinos. Esta actuación propón retomar o trazado orixinal, mediante a execución dunha pequena instalación de recepción e información para os visitantes.

A actuación consiste na execución dun pequeño equipamento público que conste dun espazo de adro para a recepción de visitantes e peregrinos, dúas salas de exposición e un área de arqueoloxía, de acceso restrinxido aos arqueólogos que realicen excavacións no castro.

O proxecto consiste na construción dunha estrutura en pranta baixa que se dispoña sobre o terreo con muros portantes de formigón armado cun espesor 43 e 70 cm que sirvan para o apoio das cubertas superiores, dispostas en dous niveis.

A proposta, que supón a creación dun equipamento público sen grandes custes de mantemento, tamén ordenará a parcela para permitir un aparcamento para coches e autobuses.

O centro de visitantes estase construindo nunha parcela de 5.500 metros cadrados próxima a Castromaior, que é lindeira co Camiño de Santiago en dirección a Palas de Rei.

portomarin subdelegada obras ministerio
0.20875310897827