O Centro Integral de Saúde comezará a funcionar co resto de servizos en xaneiro

LugoXa
A Xunta de Galicia completará no mes de xaneiro a posta en marcha de todos os servizos do Centro Integral de Saúde de Lugo.
centro integral saude lugo
5 Dec 2023

A Xunta de Galicia completará no mes de xaneiro a posta en marcha de todos os servizos do Centro Integral de Saúde de Lugo. Así o anunciou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no Parlamento de Galicia, en resposta a unha pregunta dun dos grupos da Cámara referida ás infraestruturas sanitarias de atención primaria desta cidade.

Tal e como detallou o conselleiro, o CIS abriu as súas portas ao público a finais de novembro, coa posta en marcha do PAC e da base do 061, e a partires da semana do 18 de decembro acollerá a atención primaria de parte dos usuarios do centro de saúde da Milagrosa. Nesa semana, mudaranse ao CIS un total de 12 consultas de medicina de familia e 12 de enfermería, así como o farmacéutico de primaria e o nutricionista que están hoxe exercendo no centro de saúde da Milagrosa. Así, todos os pacientes deste persoal sanitario serán atendidos xa no novo CIS a finais deste mes.

Finalmente, -proseguiu o máximo responsable do Sergas-, no mes de xaneiro completarase o traslado dos servizos de fisioterapia, odontoloxía e saúde mental.

Centro de saúde da Milagrosa

Segundo explicou Comesaña, o remate das obras do Centro Integral posibilita o comezo da reforma do centro de saúde da Milagrosa co menor impacto para os usuarios, xa que a totalidade dos seus servizos será trasladados ao CIS durante a reforma. A Xunta xa conta dende o mes de setembro co proxecto básico para levar a cabo a mesma, e está redactando o proxecto de execución para que, nos primeiros meses do próximo ano, a Axencia Galega de Infraestruturas poda licitar xa a obra.

O titular da carteira sanitaria incidiu en que, con esa previsión, os orzamentos da Xunta para 2024 contemplan os primeiros 700.000 euros para iniciar esa obra, que terá un investimento total de 2,5 M€. Este dotación será superior no 2025, coa idea de ter rematada esta reforma no 2026.

Centro de saúde Sagrado Corazón

Logo das obras do CIS da Residencia e do centro de saúde da Milagrosa, o responsable da sanidade pública galega dixo que a terceira gran actuación prevista nesta cidade é o centro de saúde Sagrado Corazón. Dende a Xunta propúxose un novo centro que pasase de 561 a 1.534 metros cadrados, cun incremento de sete consultas. Ao respecto, Comesaña subliñou que esta actuación escapa ao alcance do seu departamento, debido á falta de colaboración do Concello de Lugo, ao que lle remitiu tres cartas nos últimos dous anos solicitándolle a cesión dunha parcela para a construción deste centro, e todas elas sen resposta.

Os avances palpables no CIS e os pasos administrativos no proxecto da Milagrosa, concretan, -remarcou o conselleiro-, o compromiso do Goberno galego con Lugo, coa súa atención primaria e coa renovación das infraestruturas sanitarias desta cidade, e sería desexable que o resto de administracións compartisen ese compromiso, -concluíu Comesaña-.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.22004580497742