O centro Paco Martín de Lugo facilita a conciliación con obradoiros familiares
Co obxectivo de axudar á conciliación laboral e familiar e ofrecer propostas das que podan gozar varios membros dunha mesma familia, a área de Benestar Social do Executivo de Paula Alvarellos ideou un programa de nove obradoiros que se desenvolverán no centro interxeracional Paco Martín, durante os meses de xullo e agosto, nos que poderán participar persoas maiores de 5 anos.
Así o explicou a concelleira de Benestar Social, Olga López Racamonde, quen fixo fincapé na importancia de que o Goberno local “propoña actividades nas que poidan participar varios membros da familia, para favorecer a relación entre a crianza e os maiores, nun entorno propicio”. Ao mesmo tempo, explica a edil, “cúmprese un dos compromisos do Executivo de Paula Alvarellos en materia de axuda ás familias, mediante a oferta de obradoiros que permitan a conciliación, que é tamén un dos fins que se buscan coa posta en marcha destas actividades estivais”.
Cada un dos talleres terá un máximo de 15 prazas e as inscricións se realizarán por orde de chegada o mesmo día, minutos antes do inicio da actividade, que se desenvolverán nas instalacións do centro de convivencia Paco Martín. Os primeiros dous obradoiros, para deseñar complementos con abelorios, terán lugar os días 3 e 10 de xullo, mentres que nese mesmo mes, pero nas xornadas do 17, 24 e 31, tocaralle o quenda ao taller de fabricación de xogos de mesa con materiais de refugallo.
Para inscribirse nestas actividades só é necesario solicitalo minutos antes do inicio dos obradoiros, que se celebrarán no citado centro Paco Martín, entre as 17.00 e as 19.00 horas. As inscricións faranse por rigoroso orde de chegada. As seguintes actividades, reservadas ao mes de agosto, comezarán o día 7 co obradoiro para deseñar e fabricar unha cometa en familia, que se repetirá o día 14. Tamén está previsto para o mesmo mes dúas xornadas dedicadas ao deseño creativo e artístico de camisetas. Todos estes talleres terán tamén un máximo de 15 prazas, e se desenvolverán no mesmo centro e con idéntico horario de tarde.