O certame de investigación Condado de Pallares convoca a súa 19ª edición con 4.000 euros de premio

A décimo novena edición do Certame de Investigación Condado de Pallares foi presentada no Museo Provincial de Lugo.
Organizado pola Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, o certame ten como obxectivo fomentar a investigación nos campos da lingüística, historia, arte, arqueoloxía, antropoloxía, etnografía e folclore no ámbito do antigo Condado de Pallares, que abrangue os concellos de Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo.
Os traballos, que deben ser escritos orixinais e inéditos en lingua galega cunha extensión mínima de cen folios, poderán presentarse ata o 30 de setembro. O xurado dará a coñecer o seu fallo nun acto previsto para o 1 de novembro. O autor ou autora da obra premiada recibirá 4.000 euros, ademais da publicación do estudo, cunha tirada de 1.200 exemplares.
Na presentación, a deputada Iria Castro valorou “a iniciativa da Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares na organización deste certame, que visibiliza e dá valor á investigación e á produción de coñecemento no ámbito das humanidades e das ciencias sociais cunha importante dotación económica e coa publicación dos estudos premiados”.
A deputada de Cultura destacou que “a continuidade na convocatoria permítenos contar hoxe cunha ampla bibliografia en galego para afondar en distintas cuestións relacionadas co patrimonio material e inmaterial destes concellos”.
Pola súa parte, a xefa do Servizo de Coordinación Cultural da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en Lugo, Águeda Valín, felicitou á asociación organizadora por manter vivo un proxecto que definiu como “referente na divulgación e posta en valor da nosa historia, do noso patrimonio e da nosa identidade cultural”, e reiterou o apoio da Xunta a unha iniciativa “que dignifica a nosa cultura e promove o coñecemento da nosa terra”.