O CFA conmemora o 25N coa sexta edición de En Camiño contra as Violencias

LugoXa
O alumnado de 1º de Produción organizou unha acción en San Marcos para visibilizar a repulsa contra a violencia machista
Perfomance-25N-Lugo
24 Nov 2025

O Centro de Formación Audiovisual da Deputación sumouse á conmemoración do 25N coa sexta edición de 'En Camiño contra as Violencias', unha iniciativa organizada polo alumnado de 1º de Produción que tivo lugar este venres na Praza de San Marcos coa presenza do Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera.

Os estudantes dos dous ciclos que se imparten no CFA participaron vestidos de negro e co rostro cuberto con máscaras cos nomes das 38 mulleres asasinadas en 2025. O silencio, en sinal de respecto e dor polas vítimas, foi o gran protagonista desta acción coa que os alumnos quixeron visibilizar a súa repulsa contra a violencia machista.

Unha alumna declarou en nome do grupo que “hoxe estivemos en silencio, pero non calamos. Sabemos que a violencia machista non é unha noticia illada nin un problema privado. É unha lacra social que destrúe vidas, proxectos e futuro. Como xeración que constrúe o mañá, cremos na igualdade, na educación, no respecto e na liberdade”.

O acto incluíu a lectura dun texto colectivo no que os estudantes sinalan que En Camiño contra as Violencias non é unha celebración, senón unha declaración, un recordo para as mulleres que xa non están e un compromiso coas que seguen vivas. “Para nós, o Camiño representa o movemento, a acción e a resistencia constante fronte a todas as formas de agresión, tanto as visibles como as soterradas”, explicaron. Ademais, aseguraron que o compromiso da escola se estenderá “en cada aula, en cada vídeo, en cada proxecto, en cada conversa e en cada decisión que tomemos”.

A actividade tamén incluíu un audio con mensaxes dos alumnos nas que denunciaron a violencia machista mediante poesía, rap e outras expresións creativas. 'En Camiño contra as Violencias' constitúe a primeira práctica dos estudantes de 1º de Produción nun escenario real dentro do Módulo de Planificación de Espectáculos, contando coa participación de todo o alumnado de Realización e Produción e do persoal do centro.

⚙ Configurar cookies
0.070752859115601