O Chao do Pousadoiro evitará os cortes de luz cunha novidosa batería
O Concello de Ribeira de Piquín foi elixido pola compañía de distribución eléctrica Begasa, do grupo EDP, para instalar a primeira batería de almacenamento de enerxía eléctrica conectada á rede de distribución galega. Un novidoso sistema que asegurará a subministración de enerxía na capital do municipio, Chao do Pousadoiro, cuns 60 habitantes.
Así, a instalación almacenará enerxía da rede eléctrica garantindo o abastecemento en todo momento. Con ela, pretenden contribuir ao desenvolvemento ocioeconómico de poboacións illadas así como a mellora da calidade de vida no rural. A compañía investiu 500.000 euros nesta instalación, que pode atender a demanda da zona un mínimo de 4 horas, dada a súa capacidade de 400 kWh.
A batería alimentarase da enerxía da propia rede eléctrica e descárgase cando é preciso evitando cortes na subministración. A batería está en Chao do Pousadoiro, integrada na paisaxe grazas a un contenedor marítimo de 6 metros de lonxitude que dispón dun sistema de monitorización, telecontrol e telemetría conectado aos sistemas da compañía.
Con este proxecto innovador, o Grupo EDP avanza na súa aposta por liderar a transición enerxética, dotando de maior flexibilidade e intelixencia ás redes de distribución.
É na provincia de Lugo onde o grupo desenvolve a actividade de distribución a través de Begasa, e onde a compañía ten previsto investir máis de 22 millóns de euros para mellorar a calidade da subministración. Este esforzo inversor centrarase, principalmente, na renovación, modernización e dixitalización de activos.
O proxecto de Ribeira de Piquín enmárcase no Plan Estratéxico de EDP para o periodo 2021-2025.