O CHL Meigas pecha a sede de Sant Joan d’Espí cun triunfo, unha derrota e un punto tras prórroga

LugoXa
O conxunto lucense amosa unha clara mellora defensiva na Liga Prata feminina, aínda que a falta de acerto ofensivo volve marcar a diferenza
CHL-Meigas-equipo-feminino
10 Feb 2026

O CHL Meigas concluíu a sede da Liga Prata feminina disputada na pista de Sant Joan d’Espí cun balance dun triunfo, unha derrota e un empate resolto en contra na prórroga, tras tres encontros de alta esixencia que deixaron boas sensacións xerais, pero tamén aspectos evidentes a mellorar de cara ás próximas xornadas da competición.

A estrea chegou fronte ao Jujol nun partido moi equilibrado que se decidiu por un axustado 1-0. O equipo lucense xerou ocasións dabondo para sacar algo positivo do encontro, pero volveu verse penalizado pola falta de efectividade nos metros finais. O conxunto local soubo interpretar o partido, facer valer o factor pista e aproveitar o seu contexto, mentres que as Meigas non conseguiron transformar o seu volume ofensivo en goles.

A resposta produciuse no segundo compromiso ante o Titanides de Elche, cunha vitoria clara por 3-0 que reflectiu o traballo desenvolvido desde a base defensiva. O equipo amosou un bo nivel no marcaxe individual, axudas constantes e un alto grao de compromiso colectivo cando algunha xogadora non chegaba á acción. A partir desa solidez, o CHL Meigas atopou espazos, controlou os ritmos do encontro e soubo xestionalo con madurez.

O peche da sede chegou co derbi ante o Lostregas, co que comparte cidade, nun duelo intenso e moi disputado. O CHL Meigas levou o peso do xogo durante boa parte do partido e dispuxo dun maior número de ocasións, aínda que as rivais tamén xeraron perigo. Dúas situacións de superioridade non aproveitadas e o desgaste físico acumulado acabaron sendo factores determinantes. Xa na prórroga, unha escapada ben resolta decidiu o encontro, outorgando dous puntos ao Lostregas e un ao CHL Meigas.

A valoración global da sede é positiva. En tres partidos, o equipo só encaixou dous goles, un dato que confirma a evolución defensiva e o bo traballo nos apoios, aspectos claramente visibles sobre a pista. A principal marxe de mellora sitúase na eficacia ofensiva, con preto de 70 lanzamentos realizados e unha porcentaxe de acerto insuficiente, mesmo xerando ocasións de calidade. Dar un paso adiante na finalización será determinante para que o CHL Meigas poida manterse na loita polos primeiros postos do seu grupo.

⚙ Configurar cookies
0.09285306930542