O ciclo 'Atopémonos bailando' contará con 6 residencias artísticas de investigación
O Colectivo Glovo xunto con Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua presentaron os resultados do proceso selectivo de residencias artísticas e de investigación, que baixo o nome Atopémonos Bailando permitirá ás profesionais de danza e artes do movemento realizar as súas investigacións en Lugo entre os meses de maio e novembro.
En total, presentáronse 153 proxectos, 14 chegados de Portugal, 39 da Galiza e 100 do resto do estado. Os 6 proxectos escollidos realizarán as súas estadías en Lugo entre abril e finais de novembro e cada unha delas rematará coa realización dunha actividade aberta a toda a veciñanza.
Os proxectos escollidos son os de Clara Marchana e Luís Fernandes de Portugal, Carlota Rosón de Galicia, Álvaro Murillo de Extremadura, Félix Fernández de Galicia, Vanesa Aibar de Andalucía e Cristina Romero tamén de Galicia
“Con Atopémonos Bailando desde a área de Cultura do Concello de Lugo consolidamos o noso apoio ao sector da danza facendo fincapé con este proxecto na primeira fase de investigación e creación de espectáculos, xunto cos outros proxectos da cidade como poden ser o Festival Cartografía en Movemento e o Ciclo LED Lugo En Danza”, declarou Maite Ferreiro.
O proxecto Atopémonos Bailando ten como obxectivos impulsar e apoiar a creación e investigación en danza e artes do movemento de compañías de ámbito galego, estatal e internacional creando un espazo para a realización de residencias de creación e investigación, con especial atención ás creadoras de Galicia, e difundir e achegar os procesos de creación en danza contemporánea á veciñanza a través dunha programación de calidade, diversa, innovadora, internacional e gratuíta.
Toda a información pode atoparse na web do proxecto.