O ciclo de Saúde Feminina péchase en Lugo cunha charla sobre o lipedema no Vello Cárcere

LugoXa
A xornada, organizada pola área de Muller, Igualdade e Inclusión, terá lugar o luns 9 de xuño e contará coa colaboración da Asociación Galega de Linfedema e Lipedema
Ángeles-Novo-xornadas-Saúde-Feminina-Lugo
8 Jun 2025

O ciclo de Saúde Feminina, promovido pola área de Muller, Igualdade e Inclusión do Concello de Lugo, está a piques de rematar cunha sesión informativa centrada no lipedema, unha enfermidade progresiva que afecta case exclusivamente ás mulleres e que se manifesta a través da acumulación anómala de tecido graxo, sobre todo en brazos e pernas.

A charla, que se enmarca no mes dedicado á visibilización desta patoloxía, celebrarase o luns 9 de xuño no Vello Cárcere a partir das 18:00 horas, con entrada libre ata completar aforo.

A concelleira de Muller e Igualdade, Ángeles Novo, destacou a importancia de achegar información sobre o lipedema, xa que continúa a ser unha enfermidade pouco coñecida no noso entorno. “É fundamental darlle visibilidade e falar tamén de hábitos de vida saudables que poden mellorar a calidade de vida das mulleres que o padecen, por iso contamos coa colaboración da Asociación Galega de Linfedema e Lipedema para esta actividade”, sinalou.

Con esta xornada ponse fin a un ciclo iniciado en marzo e centrado na saúde das mulleres, que ao longo dos últimos meses acolleu diversas sesións dedicadas á saúde das coidadoras, a perimenopausa e a menopausia, o dano cerebral adquirido nas mulleres ou a saúde bucodental, entre outros temas de relevancia para o benestar feminino.

⚙ Configurar cookies
0.15877389907837