O ciclo Experimenta! regresa a Lugo con tres propostas musicais de vangarda e entrada gratuíta

A Asociación Cultural Teleclube de Lugo, en colaboración coa Vicepresidencia de Cultura da Deputación Provincial, organiza unha nova edición do Ciclo Experimenta!, unha proposta de músicas innovadoras que volverá ao corazón da cidade os días 22, 23 e 24 de xullo.
Nesta ocasión, o programa contará coas actuacións de BASABI, Amanda Mur e CINTAADHESIVA, ofrecendo un abano de sonoridades fóra dos circuítos comerciais habituais.
Os concertos celebraranse en espazos coidadosamente escollidos para enriquecer a experiencia sonora: a Capela de Santa María e o xardín do Pazo Provincial de San Marcos.
A deputada de Cultura, Iria Castro, xunto a Trini López e Chus Rodríguez, representantes de Teleclube, presentaron a programación, destacando que esta iniciativa busca consolidar Lugo como un referente para as propostas culturais alternativas.
O ciclo abrirase o martes 22 de xullo ás 20:30 horas na Capela de Santa María coa actuación de BASABI, grupo de música de cámara procedente de Bilbao que incorpora a txalaparta nas súas composicións. Presentarán o seu novo traballo titulado Oma e, previamente, proxectarase a curtametraxe Zuhaitzen Memoria, de Josu Venero.
O mércores 23 de xullo, ás 20:30 horas, será a quenda de Amanda Mur nos xardíns do Pazo Provincial de San Marcos. A artista cántabra presentará o seu disco de debut Neu Om, onde fusiona estilos e influencias clásicas e contemporáneas nunha proposta sonora complexa.
O ciclo pecharase o xoves 24 de xullo ás 20:30 horas, novamente na Capela de Santa María, con CINTAADHESIVA, proxecto galego que mestura música, poesía e performance baixo a denominación de e-Poesia. A formación, liderada polo compositor Jesús Andrés Tejada e a poeta Silvia Penas, contará nesta ocasión cos visuais de María Rojas.