O ciclo Lugo Poética 2025 celebra un novo encontro literario con Xoán Neira e Toño Núñez

O ciclo Lugo Poética 2025, promovido polo Colectivo Egeria coa colaboración da Xunta de Galicia e da UNED de Lugo, acollerá este xoves 27 de novembro ás 18:30 horas un novo recital poético no Centro Asociado da UNED.
Nesta ocasión, os protagonistas serán os escritores Xoán Neira e Toño Núñez, que participarán nun diálogo aberto co público para profundar tanto na súa obra como nas súas visións sobre a creación literaria. A entrada para asistir ao recital é gratuíta ata completar aforo.
A sesión desenvólvese baixo o formato “Paso a dous”, sinal distintiva do ciclo, que reúne voces poéticas consolidadas para explorar con maior detalle as súas influencias, a evolución do seu traballo e os camiños polos que transita o seu proceso creativo. O obxectivo é favorecer unha conversa fluída e próxima que permita achegar a poesía contemporánea a novos públicos.
Con esta actividade, Lugo Poética 2025 prosegue unha programación que busca reforzar a difusión da poesía galega actual e consolidar espazos de encontro arredor da palabra escrita. O ciclo pecharase coa publicación do volume Lugo Poética 2025, no que se reunirá unha escolma de textos e autores participantes ao longo do ano.