O ciclo Lugopoética volve impulsar novos talentos da man de autores consagrados

LugoXa
Impulsar novos talentos da man de autores consagrados.
lugopoetica_2024
28 Feb 2024

Impulsar novos talentos da man de autores consagrados. Ese é o obxectivo de Lugopoética 2024, un ciclo de encontros arredor da poesía, organizado polo colectivo Egeria co apoio da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e do centro asociado da UNED na cidade. Na presentación participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que destacou o papel desta iniciativa para introducir “ao coñecemento e á experiencia literaria de autoras e autores consagrados a xeracións máis novas de creadoras e creadores que están asegurando o futuro da literatura en lingua galega”. Ademais, participaron o presidente de Egeria, Xulio Xiz; a directora da UNED en Lugo, Ana Traseira, e a secretaria territorial da Delegación, Marta Barreiro, e algúns dos poetas implicados na iniciativa, entre outros.

Lugopoética ofrecerá seis sesións, reunindo en cada caso un poeta consagrado e un novel para contrastaren e dialogaren sobre os seus poemas e daren lectura a algúns deles. Como colofón ao proxecto, publicarase en formato físico e dixital o Libro de poesía en galego, unha escolma de obras dos novos poetas avaladas polos máis veteranos. O ciclo será aberto ao público e desenvolverase no salón de actos do centro universitario; tamén será accesible a través da súa canle de Youtube, tanto en directo como en diferido. As persoas que se matriculen gratuitamente na web da UNED recibirán en cada cita un recordatorio coa ligazón para poder conectarse.

Os encontros celebraranse ao longo do primeiro semestre do ano, sempre en xoves e en horario de 18.30 a 20.30 horas. Darán comezo esta semana, o día 29, coa intervención de Marica Campo e Eva Teixeiro. O 14 de marzo participarán Lois Perez Díaz e Daniel Irimia; o 4 de abril, María Xosé Lamas e Brenda Mondelo; o 25 do mesmo mes, Xosé Otero Canto e Antonio Calvo Varela; o 9 de maio Olga Novo e Cristina Corral e o 6 de xuño pecharán a programación Mero Iglesias e Francisco Javier Neira Pampín.

0.084511995315552