O Cidade de Lugo incorpora un barco dragón co apoio da Deputación

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo vén de apoiar con 12.000 euros a compra dun barco dragón por parte do club Cidade de Lugo, co obxectivo de fomentar a práctica deste deporte de equipo que comezou no club lucense da man dun grupo de mulleres en proceso de recuperación de cancro de mama. A nova embarcación, que pode acoller ata 20 padexeiras, facilitará a continuidade e expansión desta iniciativa deportiva e social.
O vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, e a deputada Iria Castro visitaron esta mañá a Escola Provincial de Piragüismo, sede do Cidade de Lugo, acompañados pola concelleira Maite Ferreiro. Alí coñeceron de primeira man as características do novo barco e o percorrido das “dragoas”, o equipo que naceu en 2020 e que xa acadou éxitos a nivel estatal.
Efrén Castro destacou a importancia de “impulsar proxectos que combinan o deporte con valores sociais e de superación persoal” e puxo en valor como esta modalidade “consegue ampliar as dimensións dun deporte cunha longa tradición e cun alto nivel competitivo en Lugo”.
O barco dragón converteuse nunha ferramenta terapéutica recoñecida pola Asociación Española de Linfedema, xa que a práctica continua do padexe contribúe a previr e mellorar esta secuela habitual tras o tratamento do cancro de mama. Ademais dos beneficios físicos, o deporte de equipo ofrece tamén apoio emocional e integración social.
Esta modalidade de piragüismo, de orixe chinesa, destaca pola súa accesibilidade. Con coñecementos básicos de seguridade e técnica, pode ser practicada por persoas de distintas idades, condicións físicas e niveis deportivos, o que permite a súa popularización en contextos diversos.
No caso do Cidade de Lugo, ao equipo inicial formado por mulleres superviventes de cancro de mama sumáronse outras deportistas con diferentes condicións físicas, facendo do barco dragón un espazo seguro, integrador e adaptado. O equipo participou en competicións a nivel estatal, logrando en maio pasado proclamarse campión de España.
O investimento da Deputación permite ao club renovar e ampliar o seu equipamento, garantir unha planificación regular de adestramentos e incorporar novas participantes a través de sesións de portas abertas dirixidas tanto a persoas a título individual como a colectivos sociais diversos.