O CIFP As Mercedes de Lugo recibe o selo de calidade ISO 50001 pola súa xestión enerxética

A Xunta de Galicia felicitou ao Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) As Mercedes, de Lugo, por ser un referente en xestión e eficiencia enerxética, recoñecemento que lle valeu a obtención do selo internacional de calidade ISO 50001, concedido por AENOR.
A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, trasladou esta mañá a súa felicitación a toda a comunidade educativa do centro durante o acto de entrega da certificación. No evento, destacou o traballo constante realizado ao longo de 12 anos, especialmente grazas á implicación do alumnado e profesorado do Ciclo Formativo de Eficiencia Enerxética.
Desde a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP subliñaron que As Mercedes marca un camiño a seguir para outros centros educativos en materia de eficiencia enerxética. De feito, o centro xa está a coordinar un proxecto colaborativo para axudar a outras institucións educativas de Galicia e España a implantar este sistema de xestión.
A aposta pola eficiencia enerxética en As Mercedes comezou no ano 2012, cando o centro puxo en marcha o seu primeiro sistema de xestión enerxética tras gañar a primeira competición nacional do sector. Dende entón, este sistema foi evolucionando e optimizándose ata acadar unha importante redución do consumo enerxético e unha maior sustentabilidade.
O logro desta distinción de calidade a nivel internacional dálle un novo impulso ao CIFP As Mercedes, que agora avanza na incorporación da intelixencia artificial ao seu sistema de xestión enerxética. Actualmente, o centro traballa na aplicación da IA para mellorar o control da calefacción e a iluminación, dando un paso máis cara á innovación e a eficiencia.