O CIFP As Mercedes faise coa segunda mellor puntuación en proxectos de innovación da FP

LugoXa
Un total de 19 centros de FP galegos participan en 31 proxectos seleccionados na convocatoria estatal, a través dos que captan 1,3 millóns de euros
CIFP-As-Mercedes
CIFP As Mercedes
16 Xul 2024

O proxecto Posta en marcha virtual con xemelgo dixital, no que participa o Centro Integrado de FP Politécnico de Santiago en colaboración co CIFP de Avilés (Asturias), vén de ser seleccionado na convocatoria estatal de proxectos de innovación e investigación aplicada como o mellor de España entre os 257 que obteñen axudas para o seu desenvolvemento. A segunda maior puntuación nesta mesma convocatoria é para a iniciativa Windlab: dixitalización 4.0 na xeración eólica, coordinado polo CIFP As Mercedes (Lugo) en colaboración co CIFP Somorrostro (Biscaia). Os proxectos desenvólvense coa cooperación das empresas Mondragón Educación Internacional e Aldabe Sistemas, respectivamente.

Un total de 19 centros de FP galegos participan en 31 proxectos beneficiarios da convocatoria estatal, 17 deles coordinados por centros da nosa Comunidade. En total os centros galegos recibirán 1.258.197 euros para a execución das actividades previstas, que se desenvolven en colaboración con centros educativos e empresas doutras comunidades autónomas.

A terceira posición tamén foi para o mesmo centro lugués, polo traballo Aeroprint 4.0-eficiencia eólica: impresión 3D, túnel de vento e deseño de palas. En 4º, 5º e 6º lugar están tres traballos do CIFP Politécnico de Lugo, o de Seguridade industrial 5.0 aplicada a procesos de produción humano máquina; Dixitalización da xestión enérxética mediante Smart panel e Robótica móbil aplicada á loxística i4.0.

Estes resultados demostran o gran potencial innovador da FP galega, impulsada por iniciativas da Xunta como a Estratexia FP Galicia 2030 e o Plan Innova FP Galicia que, xunto co Plan FPGal360 de orientación profesional integral, son as follas de ruta do modelo de éxito de Galicia nestas ensinanzas.

A través desta convocatoria fináncianse proxectos de innovación e investigación aplicada e transferencia de coñecemento en FP que contan con capacidade para xerar, compartir e mobilizar saberes, produtos e recursos de utilidade social e económica entre os centros de FP e as empresas e entidades participantes. A súa duración é variable en función dos seus obxectivos e características e poden desenvolverse ao longo de dous anos.

Trátase de iniciativa que ensaian novas fórmulas en resposta á evolución experimentada polas familias, sectores e perfís profesionais, formas de xestión e organización empresarial, aos requirimentos de procesos técnicos emerxentes e á mellora da competitividade nacional e internacional das empresas, ás necesidades de cambio metodolóxico para un mellor desenvolvemento competencial e transición ao mercado laboral do alumnado do sistema de Formación Profesional, así como para atender as necesidades de perfís profesionais con formación STEAM.

0.084812879562378